Imprimir

900 páxinas sobre 66 anos de pop na Galiza

Daniel Salgado | 12 de Xuño de 2019

Detalle da cuberta de 'Unha historia da musica en Galicia 1952-2018 (Galaxia, 2019). Imaxe: cedida.
Detalle da cuberta de 'Unha historia da musica en Galicia 1952-2018 (Galaxia, 2019). Imaxe: cedida.

Das primeiras orquestras que, na década dos 50, iniciaron certa viraxe pop á escena máis recente, a do ano pasado: eis o arco temporal ao que o crítico Fernando Fernández Rego dedica Unha historia da música en Galicia (Galaxia, 2019), case 900 páxinas do primeiro esforzo sistemático sobre a materia.

Nove anos de traballo -investigación, hemerotecas e máis de 250 entrevistas-, dos que os catro últimos foron de redacción e revisión, desembocaron nun volume organizado cronoloxicamente en 47 capítulos. “Esta estrutura depende do tema que se trate”, explica o autor a Sermos vía correo electrónico, “hai capítulos sobre épocas concretas, outros sobre cidades, outros sobre movementos, outros sobre estilos...”.fernando fernández rego

Así, Fernández Rego (Ferrol, 1979) percorre o atlantismo punk da Coruña en grupos como Radio Océano ou Viuda Gómez e Hijos. A célebre e mitificada movida viguesa, de Resentidos, Golpes Bajos e Siniestro Total, tamén ocupa páxinas, como o fai o Bravú, Voces Ceibes e a Nova Canción Galega ou a máis descoñecida pero vizosa escena yeyé dos anos sesenta: Los Zuecos (Vigo), Los Spectrum (Ferrol) ou Los Murciélagos (Ourense).

“O underground está moi presente, estudado polo miúdo e con paixón”, sinala, “xa desde a década dos 80. A contracultura e os movementos subterráneos foron en Galiza focos principais e vitais da súa historia musical, xérmolo de grandes bandas e artistas”. A xeito de proba debrúzase sobre os selos independentes figura en varios apartados da obra, de Lixo Urbano a Porno, de Discos da Máquina a Ferror, de El Beasto a Prenom.

Mais esta Historia da música en Galicia 1952-2018 está ademais atravesada de relatos persoais dunha experiencia colectiva, de anécdotas concretas e historias verdadeiras difíciles de crer. Por caso, aquelas orquestras coas que comeza a investigación eran habituais nas prazas do norte de África. Algunha, como Los Españoles, chegou a editar discos no Xapón. E Los Zafiro, de Ferrol, triufaron en Londres da man dun ex mánager de The Beatles e tocaron no show de Benny Hill.

Centos de bandas e artistas pasan polas páxinas do libro. “Analizo en profundidade os máis relevantes, pero por distintos motivos, non unicamente comerciais”, expón Fernández Rego, “hai grupos que só gravaron maquetas e son capitais polo uso do galego, por seren pioneiros nalgún estilo, etcétera”. Como pasan os principais fitos da cultura pop galega, que Fernández Rego sintetiza con certa reticencia pola “dificultade”de resumir: a xénese do pop en galego con Andrés do Barro, a normalización do galego na escena musical na actualidade, o impulso dos 80, o Bravú, e o movemento Galician Bizarre.

“Facer esta viaxe foi apaixonante. Levei moitas sorpresas e descubrín moitas cousas”, conclúe Fernández Rego, que dista de ser un recén chegado á crítica musical. Sinatura habitual de medios especializados estatais como Rockdelux ou Mondosonoro, antes de Unha historia da música en Galicia 1952-2018 dedicou biografías aos lucenses Los Contentos -Cuando Ríes. Los Contentos (Unos malditos pioneros del garage) (Xonix, 2014)- e a Do Barro -Andrés do Barro. Saudade (Lafonoteca, 2015), ademais de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega (Toxosoutos, 2010 e, con Pablo Portero, Galicia en Clips (Volta, 2012).

 

Nota: foto do crítico Fernando Fernández Rego.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/900-paxinas-66-anos-pop-galiza/20190612140456080697.html


© 2019 Sermos Galiza