Imprimir

“A conciliación é unha falacia”

M. Obelleiro | 05 de febreiro de 2019

[Imaxe: CIG] Patricia Mariño
[Imaxe: CIG] Patricia Mariño

Entrevistamos Patricia Mariño, a avogada da CIG que se ocupou do caso da empregada de Termocalor acosada polo xerente á volta dunha baixa por maternidade, cando o Supremo vén de confirmar a sanción de 20.000 euros á empresa viguesa. “Non podiamos falar con ela”, “Estaba nun cuarto apartada”, “Con ela tiña trato de ignorala e desprezo”, “Están tratando claramente de facerlle a vida imposíbel para que marche”, “Todo o que lle están facendo é polos embarazos e pola redución de xornada”… son algunhas das manifestacións de compañeiros e compañeiras da acosada recollidas no informe da Inspección de Traballo. Eis un extracto da conversa.

5Cando comeza o acoso á traballadora de Termocalor?

 

Todo comezou despois de que Patricia, afiliada da CIG, se reincorporase á empresa logo do seu segundo embarazo. Non podiamos entender que todo iso lle puidese estar sucedendo e que ela o levase con bo humor. É unha valente. O xerente xa lle anticipara “atente ás consecuencias” cando o informara do seu embarazo e cando se reincorporou, como dicía, atopou outra persoa no seu posto de traballo. Relegouna a un cuartucho escuro –até entón e actualmente, tal e como recolle o informe de Inspección, habilitado como material de almacén de oficinas–, sen fiestras, co computador máis vello e sen teléfono. Pecháballe a porta do baño cando é sabido que despois dos embarazos se necesita usar máis os servizos. Aos compañeiros prohibíalles falar con ela. Referíase a ela en terceira persoa como “esa persoa da túa dereita”, “esa muller”, “a min a esa persoa non ma menciones”… Patricia aguantaba. Ela ten unha familia sólida que lle prestou apoio e víase con forzas.

 

Cal era a actitude das compañeiras e compañeiros?

 

Solidarizábanse con ela, mais non diante do xerente. Cando ela se levantaba para requirir carga de traballo –non se lle pasaba ningunha tarefa–, el dicíalle “fóra de aquí”, “aquí non podes estar” e se ía a algunha oficina coller algún papel, ía detrás dela. Despois de recluíla no cuartucho foi cando decidiu levala a un departamento técnico con dous enxeñeiros. A última hora, por orde do xerente, asignábanlle traballos técnicos que non podía facer porque ela é administrativa, non técnica. Estes compañeiros recoñecéronlle á Inspección de Traballo que a finalidade era berrarlle, humillala e desprestixiala. O informe de Inspección recolle as declaracións de traballadores da empresa en que sinalan que “é unha cruz traballar aí, o xerente está alí a todo momento, enriba de todos, movérona non porque a necesitasen”. “Tan pronto se levantaba da cadeira, xa estaba mirando a onde ía e preguntando aos demais (…) cos demais tamén o facía, pero con Patricia máis que con ninguén”, engade o documento, que recoñece que as ordes que lle daba o xerente eran habitualmente “contraditorias” e chegábanlle “no último momento”.

 

Unha humillación que se reflectía en detalles como a cesta de Nadal, moi inferior á do resto do cadro de persoal.

 

Chegou o Nadal e ela recibiu unha cesta ínfima, con catro parvadas. Todos foron agasallados cunha participación da lotaría de Nadal, menos ela, “non lla dou a esa”, dicía o xerente. Era un caso evidente de acoso e derribo. A que se debía todo? Cometiches algunha neglixencia? Fixeches algo que prexudicase a empresa? Preguntáballe eu a Patricia, porque ela ten antigüidade, é unha muller competente e o xerente era consciente disto. Pois non, todo se debeu a que el considera que as mulleres teñen a ousadía de quedaren embarazadas e teñen unha lei que as protexe con baixas. Cando Patricia decidiu ser nai, ao xerente saíulle a faciana machista. É un señor moi estraño. A min, no corredor do xulgado, púxoseme de xeonllos para dicir “se Deus existe, isto é todo unha mentira”.

 

Tamén modificou o horario laboral da traballadora para tombarlle a redución de xornada.

 

Cando solicitou a redución da xornada, inicialmente aceptoulla, porque non lle quedaba remedio, mais despois modificoulle o horario para facela traballar de mañá e de tarde aducindo “necesidades da empresa”, sen importarlle se ela podía ou non. Isto pasoulle unicamente a Patricia porque “se atreveu” a ser nai.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/a-conciliacion-e-unha-falacia/20190130161352075569.html


© 2019 Sermos Galiza