Imprimir

A privada na Galiza, a máis 'elitista' do Estado español

X.M.P. | 30 de xuño de 2019

Mentres 8% das e dos estudantes dos centros privados españois proceden de familias en condicións socioeconómicas menos favorábeis, esa porcentaxe na Galiza cae ao 0%, a máis baixa de todo o Estado. 

As circunstancias socioeconómicas do contorno do alumno ou alumna inflúen nas condición nas que se desenvolve a aprendizaxe, o ritmo de avanzo nas etapas formativas e nos propios resultados educativos. E estas circunstancias difiren entre os centros públicos e privados. Un documento da serie ‘Esenciais’ que elaboran Fundación BBVA e Instituto valencián de Investigacións económicas (IVIE) adéntrase nestas desigualdades e diferenzas .

No sistema educativo español os centros públicos forman por volta de 70% do alumnado e os privados -concertados ou non- 30% restante. Os centros públicos e privados diferéncianse substancialmente polo perfil socioeconómico medio dos seus alumnos e alumnas. De distinguirmos tres niveis nas condicións sociais, económicas das familias da estudante (máis favorábel, medio e menos favorábel), podemos apreciar como na Galiza nos centros públicos predomina o alumnado dese ‘entorno medio’: 80%, unha porcentaxe 20 puntos superior á media española (60%). 13,96% dos e das estudantes que cursan o ensino público son do ‘entorno menos favorábel’ - en España é 33%- e só 5,6% ven desa procedencia socioeconómica “máis favorábel”.

Privado

Como era de esperar, as cousas mudan ao pasar ao ensino privado. Na Galiza 55,15% do alumnado deses centros é de ‘entorno medio’ e 44,85% procede do ‘máis favorábel’. A media en España é de 65% de procedencia máis favorecida, 27% dese entorno ‘medio’ e 8% do ‘menos favorábel’. Así pois, de cada 100 alumnos e alumnas que en España cursan o ensino privado 8 proceden dun ambiente con circunstancias socioeconómicas ‘menos favorábeis’. Na Galiza, e segundo este informe do BBVA-IVIE, esa porcentaxe é 0%. Na privada galega, pois, non hai alumnado procedente da clase baixa. O que contrasta, e moito, con outros territorios onde si o hai, como Euskadi e Madrid (4%), Catalunya (8%), Asturies (15%) ou Andalucía (29%).

No ensino privado na Galiza o alumnado de situación socioeconómica 'máis favorábel' representa 45%

Fenda nas cualificacións

“Os entornos dos alumnos son relevantes para os seus resultados formativos (...). Así, a puntuación PISA promedio en ciencias dun alumno que estuda nun centro de entorno máis favorábel supera en España a un de menos favorábel en 67 puntos, o que equival a dous anos de estudo”, indícase no documento. Esa fenda, porén, non é a mesma en todos os territorios e na Galiza está en 50 puntos. A puntuación en ciencias dos estudantes galegos de ambientes socioeconómicos máis difíciles é de 488, as de entornos medios é de 510 e a de procedencia más favorábel, 535.

Por outra banda, un dos trazos máis negativos no caso galego e tamén español é o da elevada porcentaxe de repetidores. Na Galiza 37% do alumnado dos centros públicos e 22% dos privados tiveron que repetir algún curso en Primaria ou Secundaria obrigatoria.

Aliás, e como recollía outro estudo de recente publicación, entre dúas estudantes iguais en competencias, na Galiza aquela do estrato socioeconómico máis baixo ten 6 veces máis probabilidades de repetir que a súa compañeira do estrato máis alto.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/a-privada-na-galiza/20190627140735081315.html


© 2019 Sermos Galiza