Imprimir

A Academia dedica o Día da Poesía a Salvador García-Bodaño

Redacción | 09 de Marzo de 2019

[Imaxe: AELG] Salvador García-Bodaño nunha imaxe de 2007
[Imaxe: AELG] Salvador García-Bodaño nunha imaxe de 2007

Salvador García-Bodaño é o escritor e académico a quen a Real Academia Galega dedica este 21 de marzo o Día da Poesía. Arcadio López-Casanova, académico de honra, será quen asine a loanza.

A quinta feira 21 a RAG conmemora o Día da Poesía cunha homenaxe a Salvador-García Bodaño a partir das 19.30 horas no salón de plenos. Dorés Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e os membros da Academia Luz Pozo Garza, Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Franco Grande, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro e Marilar Aleixandre recitarán poemas do homenaxeado no acto, que abrirá o presidente da institución, Víctor Freixanes, e fechará o académico Xesús Alonso Montero, informa a RAG nun comunicado de imprensa.

 

Membro fundador da Asociación Cultural O Galo, do Instituto Galego da Información, do PEN Club de Galicia e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre outras entidades, Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935) deuse a coñecer como membro da xeración das Festas Minervais. Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967) foi o seu primeiro libro. En 1978 saíu do prelo o seu seguinte título, Tempo en Compostela, premio da Crítica de Poesía Galega.

 

A súa principal incursión na narrativa, Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia, 1992), recibiu o Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada até o momento aparece recompilada en Obra poética (Espiral Maior) e un ano despois sae do prelo aplaquette Pegadas no alcatrán (Café Central), un retrato crítico da decadencia da vida nas cidades que avanzaba a modernidade poética acadada en Cidade virtual (Biblos, 2003).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/academia-dedica-dia-da-poesia-salvador-garcia-bodano/20190309123347076912.html


© 2019 Sermos Galiza