Imprimir

A accesibilidade en Renfe, materia pendente

A.Mera | 27 de xuño de 2019

Separación entre plataforma e tren [Imaxe: SG]
Separación entre plataforma e tren [Imaxe: SG]

A separación entre as plataformas e as portas dos trens media distancia e rexionais que circulan na Galiza é superior ao medio metro, o que supón un perigoso obstáculo para moitas usuarias e usuarios e a imposibilidade de coller este medio de transporte para persoas con diversidade funcional naquelas estacións que carecen de servizo Atendo (só seis localidades contan con el de forma permanente).

A separación entre as plataformas e as portas dos vagóns de trens media distancia e rexional que circulan na Galiza é superior ao medio metro, o que supón unha barreira para persoas maiores, con carriños de bebé ou con mobilidade reducida. A maiores, o feito de que o servizo Atendo de axuda a persoas con diversidade funcional só estea dispoñíbel en 6 estacións galegas de maneira permanente outorga un suspenso a Renfe en materia de accesibilidade.

SeparaciónEn total son 13 as estacións da Galiza as que contan co servizo Atendo, mais en 7 delas só se ofrece de solicitalo con 12 horas de antelación. Atendo é un servizo gratuíto que Renfe pon ao dispor de usuarias e usuarios de ferrocarril con mobilidade reducida. Trátase dun servizo especializado que orienta, informa e facilita o acceso e tránsito polas estacións, así como a asistencia na subida e baixada dos trens.

En total son 13 as estacións da Galiza as que contan co servizo Atendo, mais en 7 delas só se ofrece de solicitalo con 12 horas de antelación

Atendo unicamente está dispoñíbel para as e os usuarios nas estacións de Vigo-Urzáiz, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ourense e Lugo. Quen o precisen en Vigo-Guixar, Vilagarcía, Redondela, O Barco, Monforte, Sarria e Ferrol han de solicitalo con 12 horas de antelación á saída do comboio que desexe coller. No resto de estacións non se ofrece o servizo nin hai alternativa.

Outra achega de Renfe en trens de media distancia e rexionais é pór un dos vagóns de cada tren que realiza o traxecto Vigo-A Coruña cunha plataforma máis baixa que reduce a altura e a distancia, mais segue existindo aínda así a separación coa plataforma.

A diferenza radica en que os camiños de ferro galegos seguen sen contar cun servizo de cercanías

En todo o Estado os trens de media distancia e rexionais fican a mesma distancia da plataforma que na Galiza. A diferenza radica en que os camiños de ferro galegos seguen sen contar cun servizo de cercanías. Este tipo de trens están na súa práctica totalidade adaptados ao 100% ás persoas con mobilidade reducida, ficando á mesma altura que a plataforma e estendedo unha plataforma que salva a distancia.

Renfe conta co seu actual plan de accesibilidade 2018-2026 onde contempla a adaptación de trens e estacións e a adquisición de novos vehículos accesíbeis. En estacións como a de Vigo ou Compostela xa se instalaron ascensores e escaleiras mecánicas nos últimos meses mais os vagóns carecen de ramplas permanente para acceder en cadeiras de rodas, non hai sistema luminosos para persoas xordas ou un sistema de audio para persoas con visión reducida.

Desde asociacións de persoas con diversidade funcional reclaman que as estacións conten con trens accesíbeis, é dicir, con entrada vía rampla ou plataforma, ou ben con trens a pé da plataforma. Así mesmo, no seu interior os corredores e aseos deben estar adaptados e os vagóns contaren con espazo para cadeiras de rodas. Hoxe en día, non existen vagóns na Galiza a rentes do chan, e por tanto persoas en cadeiras de rodas teñen que ser atendidas e agardaren a que lles instalen unha rampla móbil no caso de que a estación desde a que teñen que viaxar ofreza servizo Atendo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/accesibilidade-renfe-materia-pendente/20190626133649081247.html


© 2019 Sermos Galiza