Imprimir

Acto de Contrición no Parlamento Aconfesional

Mercedes Queixas | Escritora e profesora

Sermos Galiza | 16 de outubro de 2015

Recentemente preguntábanme na revista dixital Palavra comum como era a miña Galiza imaxinaria


Recentemente preguntábanme na revista dixital Palavra comum como era a miña Galiza imaxinaria e que había dela na actual.

Alí ficou a resposta en positivo de como é ese País, nome propio e retratado en maiúscula, mais hoxe, primeiro día de celebración do debate do estado da Autonosuya, que non chamado oficialmente da Nación ou, en vocábulo constitucional español, Nacionalidade Histórica, o retrato resulta máis verosímil desde a negación do que está a ser por vontade oficial e ao amparo dunha maioría absoluta política que non social.

Na miña imaxinación non cabe un país ao que se lle neguen as capacidades de presente demográfico para amortizar o seu futuro nin cabe a rutina da mentira para xustificar a inacción ou a parálise de quen é incapaz de demostrar con feitos aquilo que predica aos demais: con menos pódese facer máis.

Na miña imaxinación non pode existir un país gobernado, como un ventrílocuo falabarato, por cifras abstractas, etéreas, baleiras de contido emocional, coas que se cometa a ousadía de xustificar éxitos políticos en sanidade en función dos miles de metros cadrados do novo hospital de Vigo –desculpen que non escriba o seu nome oficial para non continuar a manciñar a inmensa reputación literaria dun grande das letras galegas, que este ano ben merecía ser lembrado polo sesenta aniversario do seu inigualábel Merlín e familia- ou en educación, argumentando o número de computadores mercados para as aulas sen planificación escolar, o misérrimo apoio a familias desfavorecidas e pobres –si, pobres!, aínda que manque o orgullo- ou o estrito e avantaxado cumprimento da implantación da LOMCE, en contra de toda vontade pedagóxica e social.

Na miña imaxinación non pode existir un país gobernado, como un ventrílocuo falabarato, por cifras abstractas, etéreas, baleiras de contido emocional

Na miña imaxinación non pode sobrevivir no tempo unha maioría social –labrega, gandeira, mariñeira, marisqueira, autónoma, xubilada, emigrada, retornada- desatendida, estafada e mesmo roubada que, impotente, sente como única vía tomar a rúa decote para non amparar o silenciamento, marxinalidade e a anulación dirixida desde o propio goberno, incapaz de ofrecer respostas de compromiso ante contextos humanos de emerxencia social.

Na porta da miña imaxinación non ten entrada quen nega persistentemente o conflito lingüístico, coutando a aprendizaxe do galego na escola –con presenza residual na educación infantil, nomedamente en ámbitos urbanos- e ignorando –ou mantendo un silencio cómplice- entidades colectivas que maltratan as persoas usuarias deste como é esperábel en se tratando de cidadanía galega.

Na miña imaxinación non ten entrada un goberno frío, cego, xordo, tatexo ou mudo e sen os tentos propios dunha mínima responsabilidade para pulsar as necesidades do seu pobo e actuar en beneficio colectivo, até que é o pobo quen goberna o desgoberno.

Se cadra certas bágoas de hoxe teñen todo o sentido desde o peso catártico dun acto de contrición

É por iso que se cadra certas bágoas de hoxe teñen todo o sentido desde o peso catártico dun acto de contrición, pois o Presidente da Xunta probabelmente lembraría os versos dun dos nosos maiores referentes literarios do Rexurdimento do XIX, Manuel Curros Enríquez, no seu poema “Mirando ó chau”: S'eu fixen tal mundo que o demo me leve.

Na miña imaxinación resulta incomprensíbel que o goberno do Partido Popular do Presidente Feijoo impida a tramitación parlamentar dunha Iniciativa Lexislativa Popular –que dramática representación escenográfica para o mesmo vocábulo- asinada por máis de 11.000 persoas, que demandaba medidas para podemos coñecer a obra literaria e plástica de Castelao, indebidamente tratada e inxustificadamente oculta. Porque a que vén esa insistencia en querer saber de alguén cuxo nome xa serve para colgar(se) medallas ou para amosalo como exemplo de humildade ou citalo, con moita mesura acaída, aínda que sexa descontextualizado?

Agardemos que comece o señor Feijoo a aplicar para si propio a lección de humildade, de entrega e amor ao país ao que tamén serviu Castelao e que canto antes lea a súa ben coñecida declaración cando lle preguntaron o porqué das súas tristes e negras descricións do país: Eu non teño vocación de estupefaciente.

Ben sei que, nesta altura das miñas palabras, quen defenda os intereses populares até o de agora mencionados pretenderá desacreditar o meu pensamento acusándome de persoa concienciada, política e demagóxica, mesmo de esquerdas e nacionalista. E voulles dar toda a razón porque a quen a ten hailla que dar e dos piropos hai que presumir. Mais, como mínimo, direilles que tan concienciada, política e demagóxica, en todo caso, como quen atenta contra os trazos que nos definen inoculando en nós vellos complexos e teimas propias da ideoloxía da subalternidade.

E velaí que os tempos son teimudos e a cultura galega –ese elemento marcadamente hostil para o goberno que por iso mesmo leva no seu documento de identidade o apelido galego- segue a falar de nós

E velaí que os tempos son teimudos e a cultura galega –ese elemento marcadamente hostil para o goberno que por iso mesmo leva no seu documento de identidade o apelido galego- segue a falar de nós, e non pola boca pequena precisamente, e ofrécenos mostras de orgullo a nivel nacional, estatal e internacional.

Porque a nosa esencia persoal  e cultural interesa e é valorada no mundo do coñecemento. Porque as nosas palabras ensanchan os nosos valores e porque sen elas somos un pouco máis pobres e indefensas. Porque a lingua, tamén a galega, é a chave que abre o mundo, escribiu Manuel María.

Titulares de prensa, rechíos, cruces de mensaxes de facebook, palabras e máis palabras para nos orgullar colectivamente dos nosos méritos en materia de cultura propia vibraron nese nós que sentimos colectivo nas últimas semanas. 

O Premio Lazarillo para O meu pesadelo favorito da autoría de María Solar e a súa posterior inclusión na prestixiosa listaxe White Ravens 2015; o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil para a obra de Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta, precedido da súa inclusión na internacional Lista de Honra dos IBBY ou o renovado triunfo en Toulouse do filme A Esmorga, dirixido por Ignacio Vilar, son boas probas testemuñais dun tempo en que o sistema cultural galego, así como a industria que o sustenta, foi invisibilizado socialmente, marxinado administrativamente e asfixiado economicamente.

Mentres continúe sen chegar o cumprimento das promesas e obrigas oficiais, seguiremos a traballar nos diferentes ángulos e marcos da creatividade e expresión cultural e pularemos pola súa visibilidade e internacionalización compartindo no mundo da diversidade e da ecoloxía lingüística moreas de bicos con lingua.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/mercedes-queixas/acto-contricion-no-parlamento-aconfesional/20151016004537041611.html


© 2019 Sermos Galiza