Imprimir

Adega acusa Alcoa de pedir á Xunta poder “contaminar máis a cambio de empregos”

Redacción | 09 de outubro de 2019

Alcoa San Cibrao
Alcoa San Cibrao

A asociación incide en que o Goberno galego debe antepor a “saúde ambiental” aos intereses da empresa.

Adega afirma que Alcoa presentou na Xunta  a documentación para anovar a AAI (Autorización Ambiental Integrada) das súas factorías de alúmina e aluminio en San Cibrao. “Ao enorme consumo de enerxía e insumos engádense fortes emisións contaminantes que a empresa mesmo quere ampliar”, denuncian os e as ambientalistas.

Polo que atinxe ás emisións á atmosfera, indican, a empresa recoñece que nalgúns procesos (fabricación de ánodos) supera os límites de emisión para o flúor e as partículas por factores moi altos, e que noutros non efectúa controis. “Porén, Alcoa pide á Xunta que lle conceda unha excepción para o cumprimento dos valores mínimos legais para que na planta de ánodos se lle autoricen emisións de flúor e partículas máis altos. A xustificación da empresa é que non lle saen as contas: adoptar melloras técnicas obrigaría a custosos investimentos e suprimir o proceso contaminante deixaría na rúa 35 persoas”.

En cando ás verteduras ao medio acuático, a Xunta autorizoulle en 2017 elevar os valores límite de emisión do Flúor, establecidos en 8 mg/l ao mes, a máis do duplo (17) en 2018, 15 mg/l en 2019 e 10 mg/l en 2020.  A excusa, sinala Adega, foi fechar a balsa de lamas vermellas. 

Adega lembra que as balsas de residuos mineiros e industriais “constitúen un dos principais pasivos ambientais e sociais destes complexos: casos como os de Aznalcóllar (1998) ou o máis recente de Hungría (2010), tamén con lamas vermellas, exemplifican os altos custos (economicos, ambientais e en vidas humanas) dun eventual colapso, poucas veces asumidos polas empresas”.

Adega insta a Xunta a antepoñer “a saúde ambiental e cidadá ás pretensións de Alcoa”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/adega-acusa-alcoa-pedir-xunta-poder-contaminar-mais-cambio-empregos/20191009120445084966.html


© 2019 Sermos Galiza