Imprimir

Adega lembra 10 medidas para loitar "eficazmente" contra os lumes

D.A. | 10 de agosto de 2015

Incendio en Lugo [Imaxe Rubén Arroxo]
Incendio en Lugo [Imaxe Rubén Arroxo]

Nun novo verán marcado polos incendios o colectivo ecoloxista advirte que "moitos" dos incendios "comezan prendendo nun despacho". 

 

"Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo", sinalan desde a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) após a intensa xornada de lumes que atinxiu o domingo (9 de agosto) o país. 
 
"Dende 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada", acrecentan. 

Perante esta realidade, o colectivo ecoloxista vén de lanzar un decálogo de medidas coas que, lembran, "non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social".  

"En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada"

Para Adega "as causas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas". "A pregunta é como unha administración que ten a cacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario", afirman. 

O colectivo ecoloxista refírese desta maneira á recentemente aprobada Lei de Montes, un texto normativo que foi duramente criticado, entre outras razóns, por permitir a recalificación de terreos queimados cando existen "razóns imperiosas de interese público". Neste senso, "diminúense as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas (de 50 a 30 metros); redúcense os anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados (de 3 a 2 anos); elimínase o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 25 e 50 hectáreas continuas; ábrese de novo a posibilidade de forestar terras agrarias e desvíase cara os concellos parte das responsabilidades de control, entre outras medidas", explica Adega. 

Perante esta realidade, a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza, lembra dez medidas para loitar "eficazmente" contra os lumes e aseguran que "moitos" destes "comezan prendendo nos despachos". 

  1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural. 
  2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais. 
  3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel. 
  4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano. 
  5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos. 
  6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas. 
  7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte. 
  8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos. 
  9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas. 
  10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/adega-lembra-10-medidas-loitar-eficazmente-lumes/20150810155635039882.html


© 2019 Sermos Galiza