Imprimir

Adega leva a Xunta aos tribunais por non protexer a Cova de Eirós

Redacción | 28 de xullo de 2016

Cova eirós
Cova eirós

Presentou unha demanda contra a Consellaría de Cultura por incumprir as obrigas legais a respecto do patrimonio de Galiza. A Cova é o máximo exponente do Paleolítico de Galiza.

A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza leva a Xunta aos tribunais por non iniciar ninbtramitar en tempo e forma o expediente de declaración da Cova de Eirós (Triacastela) como Ben de Interese Cultural (BIC) . “Non atopamos outra saída máis que a demanda xudicial”, recoñecen desde o colectivo “para obrigar á Consellaría a cumprir coa súa obrigación na protección deste importantísimo xacemento galego de relevancia internacional e máximo exponente do Paleolítico de Galiza”.

Adega impuxo unha demanda ante o Tribunal Contencioso-Administrativo nº 2 de Santiago de Compostela contra a Consellaría de Cultura da Xunta. A demanda fundaméntase no incumprimento das obrigas que a administración autonómica ten ao respecto e que aparecen recollidas tanto na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico español, como na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia. A lei estatal, no seu artigo 40, establece que todas as covas, abrigos ou lugares que conteñan manifestacións rupestres deben ser automaticamente declarados como bens de interese cultural (BIC).

Pola súa banda, a lei galega de patrimonio (ata agora vixente) indica no seu artigo 9 que “a declaración de ben de interese cultural requerirá previa incoación e tramitación do expediente administrativo pola Consellaría de Cultura, ben de oficio, ou a instancia de parte por calquera persoa física ou xurídica”. No caso de terse iniciado a instancia de parte, como foi o caso (por parte de Adega), a denegación da incoación, segundo a normativa, tería que ser motivada  e notificada.

Anos de loita

Adega promoveu durante estes cinco anos diversas accións e medidas encamiñadas a instar á protección da Cova. Ademais de formular ante a Consellaría de Cultura varias peticións de incoación de expediente para declarar como BIC o xacemento, tamén recabou apoios de personalidades da cultura e das ciencias ambientais de Galiza, da Deputación Provincial de Lugo, que aprobou a proposta por unanimidade, e do Parlamento galego a través dunha moción presentada polo BNG e que foi rexeitada polo PP. Tamén recorreu ao Valedor do Pobo.

No interior da Cova atopáronse as primeiras pinturas rupestres do territorio galego e o xacemento sufriu importantes danos pola canteira que explota os terreos nos que se atopa a cavidade, Cementos Cosmos. Un informe profesional do arqueólogo Francisco Hervés concluía na necesidade de protexer a Cova como BIC para garantir a súa salvagarda e paralizar os traballos da mina sobre dela. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/adega-leva-xunta-aos-tribunais-non-protexer-a-cova-eiros/20160728131709049894.html


© 2019 Sermos Galiza