Imprimir

Adega e Mariña Patrimonio denuncian a Xunta por unha queima sobre un petróglifo no Xistral

Redacción | 13 de Maio de 2019

Imaxe: Mariña Patrimonio
Imaxe: Mariña Patrimonio

A “queima controlada” e o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura.

Adega e Mariña Patrimonio denunciaron no Servizo de Protección da Natureza (Seprona) posíbeis danos nun petróglifo situado no Chao de Sinás, no concello de Ourol, na Serra do Xistral. Segundo explican nun comunicado, os danos foron ocasionados “pola propia Xunta”,  ao realizar a inicios deste ano “unha queima controlada do mato que cubría unha zona arqueolóxica, catalogada e protexida pola Xunta”. Ao parecer, afirman, esta acción “tería afectado especialmente o petróglifo”.

 

Nesta zona arqueolóxica do Chao do Sinás a Xunta ten catalogadas trece laxes con petróglifos e dúas mámoas (das cales unha alberga o coñecido dolmen da Arca de Sinás). “A queima así como o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura”, segundo denuncian Adega e Mariña Patrimonio.

 

Estas asociacións consideran especialmente grave que sexa a propia administración quen dane o patrimonio cultural. Ademais, sosteñen que esta queima sobre un petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, é unha nova mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/adega-marina-patrimonio-denuncian-xunta-queima-petroglifo-xistral/20190513114616079515.html


© 2019 Sermos Galiza