Imprimir

ADEGA pronúnciase contra os transvasamentos

F. Carou | 06 de decembro de 2017

O anuncio do transvase de auga do río Verdugo ao embalse de Eiras –que abastece, fundamentalmente, Vigo– espertou a reacción de ADEGA, que apela as administracións locais medidas que fomenten “unha cultura da auga aforradora e eficiente”.

Diante da seca que sofre Galiza, a asociación ecoloxista ADEGA insta as administracións locais a fomentaren “unha cultura da auga aforradora e eficiente” e a apostaren decididamente pola educación ambiental “para mudarmos progresivamente o actual paradigma consumista”.

 

Cómpre xestionar a auga, afirma ADEGA, como o que é, “un ben escaso”. De aí que avogue por actuar “con visión de futuro por unha nova cultura da auga, algo que no noso país aínda non ten calado na cidadanía nin por suposto na clase política”.

 

Neste contexto, a asociación rexeita “parcheos en forma de transvases e novas captacións”. Considera que estas medidas “son só unha fuxida cara a adiante” e advirte da necesidade de adoptar “medidas estruturais que garantan unha xestión sustentábel da auga”.

 

Que facer?

 

Entre as medidas propostas por ADEGA destaca a corresponsabilidade na xestión, “a Xunta debería sancionar con multas exemplares o desbaldimento, suprimindo privilexios empresariais con especial fincapé aos grandes consumidores, como o caso de ENCE”. Sinala, ademais, que os concellos “poden promover ordenanzas” en aras dunha xestión responsábel.

 

Ademais, propón prácticas eficientes e a instalación obrigatoria de tecnoloxías aforradoras, “os concellos non deberían dar licenzas de novas construcións ou actividades que non apliquen métodos e tecnoloxías eficientes”. Sinala, entre outros, sistemas para reutilizar a auga da chuvia ou as augas grises; evitar o uso de auga potábel para baldear ou regar ou unha política tarifaria progresiva que penalice o desbaldimento.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/adega-pronunciase-transvasamentos/20171206142129063991.html


© 2019 Sermos Galiza