Imprimir

Agora Repúblicas, a coalición de BNG, ERC e EH Bildu obtería 3 cadeiras na Eurocámara

Redacción | 09 de maio de 2019

O barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) dá unha vitoria socialista nas europeas do 26 de maio e unha nova caída do PP. Tamén obterían representación na Eurocámara, alén de Agora Repúblicas, Junts per Catalunya e a coalición liderada polo PNV.

O barómetro do CIS publicado esta quinta feira prognostica que Agora Repúblicas, a marca da concorrencia ás europeas entre BNG, ERC e EH Bildu, obtería o 26 de maio tres representantes no Parlamento europeo. As eleccións europeas volverían dar, como nas xerais de 28 de abril, unha vitoria ao PSOE, que sería a forza máis votada e tería 17/18 europarlamentares (ten 14). O PP, que tiña 16 representantes, tería segundo o CIS entre 11 e 12. Ana Miranda vai de quinta na candidatura de Agora Repúblicas que lidera Oriol Junqueras; NIcolás González é oitavo na dos socialistas e MIllán Mon ocupa o mesmo posto na lista europea do PP.

 

O terceiro posto sería para Ciudadanos, que atinxiría 8/9 cadeiras na Eurocámara (tiña 2), os mesmos que Unidas Podemos-Cambiar Europa. Nesta lista, a galega Vanessa Angustia vai de posto número 10. A extrema dereita de Vox obtería entre 4 e 5 representantes. Junts per Catalunya obtería 1 e CEUS, a coalición liderada polo PNV e que leva no posto número 3 un representante de Compromiso por Galicia, obtería 1 eurodeputado. En principio, e segundo este traballo do CIS, non lograría ter presenza na Eurocámara a coalición da que fan parte Compromís e En Marea.

 

O barómetro elaborouse en base a 18.000 entrevistas, que son 2.000 máis que o preelectoral das xerais do pasado 28 de abril.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/agora-republicas-coalicion-bng-erc-eh-bildu-obteria-3-cadeiras-eurocamara/20190509140716079386.html


© 2019 Sermos Galiza