Imprimir

Agosto de jazz no Morrazo

Redacción | 09 de agosto de 2019

O dúo portugués Rita Maria e Filipe Raposo, que actuarán no Canjazz 2019. Foto: Canjazz.
O dúo portugués Rita Maria e Filipe Raposo, que actuarán no Canjazz 2019. Foto: Canjazz.
As comunidades afroamericanas inventaron, no inicio do século XX, unha das músicas populares máis espalladas e mutantes do planeta: o jazz. Os seus cen mil fillos e fillas chegaron tamén a Galiza. E ao Morrazo, unha das portas de entrada hai xa catro décadas. Moaña e Cangas celebran estes mes cadanseu festival dedicado ao xénero.

Cartaz_Canjazz_19_FB

O de Cangas é o máis veterano do país. Aínda que este 18 de agosto comezará a súa edición número 22, o certo é que ten 40 anos de idade. Para conmemoralos, “a organización do Canjazz recuperou un dos primeiros carteis do festival, o de 1981, rexuvenecido para a ocasión”. E contarán con músicos de primeiro nivel, como o pianista Abe Rábade, que a terza feira 20 de agosto presentará Doravante, o seu último disco.

Antes, concretamente o domingo 18 de agosto, os portugueses Rita María e Filipe Raposo inaugurarán o certame no Eirado do Costal. A sesión vermú da segunda feira correrá a cargo de O'PO-llective, “laboratorio ambulante”. Á noite será a quenda de André Fernandes, guitarrista e “representante destacado da escena portuguesa”. Joris Relofs, clarinetista holandés será o encargado da sesión vermú da terza feira, na Capela do Hospital.

O Maikel Vistel Quartet tocará a cuarta feira, 21 de agosto, na sesión vermú, na Taberna Cambika. E o guitarrista polaco Szymon Mika porá o ramo ao Canjazz no Eirado do Costal. Non, en realidade, xa que o Chiringo de Massó acollerá, a partir das 00.00 horas acollerá a cantante e produtora suíza Miss C-Line. Será o derradeiro concerto do festival.

cartel festival jazz moaña

No arboredo da Xunqueira
A escasos sete quilómetros, en Moaña, pero unha semana antes será a terceira edición do Festival de Jazz de Moaña. O 13 e o 14 de agosto, terza e cuarta feira, actuarán no arboredo da praia da Xunqueira Andre Carvalho Group (13 de agosto, 21.30 horas) e Kurt Rosenwikel Standards Trio (13 de agosto, 22.45 horas). A noite rematará cun jam session.

 

Ao día seguinte, o festival comezará de mañá, ás 12.30 horas co Antonio Otero Quartet. Ás 21.30 horas será o Xan Campos Trío o que toque e ás 22.45 horas, o Mayte Alguacil Quartet. O Jazz de Moaña rematará, de novo, cunha jam session.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/agosto-de-jazz-no-morrazo/20190809164515082973.html


© 2019 Sermos Galiza