Imprimir

Aínda Begoña Caamaño

Redacción | 08 de outubro de 2019

A escritora Begoña Caamaño. (Cedida)
A escritora Begoña Caamaño. (Cedida)
Hai moitas Begoñas Caamaño. Está a activista contra o machismo. Está a escritora de dúas novelas de fundamento clásico e ollada feminista. Está a xornalista. Ningunha delas caeu no esquecemento, a xulgar pola homenaxe que, no seu quinto cabodano, organiza a Deputación da Coruña co impulso de 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento e a colaboración do concello compostelán. Será este 13 de outubro en Compostela.

As dúas novelas de Caamaño, que nacera en Vigo en 1964, servirán a nove poetas para unha “lectura pública e aberta” apoiada nas mesmas, Circe ou o pracer azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). As participantes son Ana Romaní, Andrea Nunes, Belén Senín, Lara Rozados, Marga do Val, María Rosendo, Míriam Ferradáns, Susana S. Arins e Xiana Arias.

Os textos servirán de inspiración ás artistas Axóuxeres e Chisqueiros, Cata Ukelele, Eva Agra, Iria Prol, María Lapido, Miss Hope, Rebeca Mariño, Vanessa Morais e Xoana Almar, quen “plasmarán creativamente as sensacións suscitadas nunhas caixiñas de paxaro, ave de especial simbolismo na obra literaria de Caamaño”.  Estas intervencións ficarán penduradas no Parque Begoña Caamaño, no barrio de Fontiñas, que é onde se desenvolverán as actividades da homenaxe a partir das 12 da mañá.

Un concerto de Su Garrido Pombo  ás sete do serán pechará Embegonhadas: mullerenagem a Begoña Caamaño. En paralelo ás accións poético artístico musicais haberá un obradoiro de creación literaria de Susana S. Arins e un laboratorio de introdución á arte urbana, a cargo de 7H Cooperativa Cultural. As librarías Lila de Lilith e Chan da Pólvora realizarán “un fanzine sobre as experiencias vividas no encontro”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/ainda-begona-caamano/20191008120649084897.html


© 2019 Sermos Galiza