Imprimir

Aínda Rosalía canta

Daniel Salgado | 15 de Maio de 2019

O cantor Tino Baz en Carril (Vilagarcía de Arousa), localidade que Rosalía de Castro menciona nun poema de 'Cantares Gallegos'. Foto: cedida.
O cantor Tino Baz en Carril (Vilagarcía de Arousa), localidade que Rosalía de Castro menciona nun poema de 'Cantares Gallegos'. Foto: cedida.

Rosalía de Castro escribiu cancións. Desta tese parte o cantor Tino Baz (A Guarda, 1972) para se enfrontar á obra da poeta, enmarcala musicalmente e ofrecer a súa “defensa e divulgación” da mesma. Si cantan es ti que cantas son 11 poemas e un epílogo que Baz ultima estes días nos Baixo Miño Estudios, en Tabagón (O Rosal).
 

“Non hai que temer un reto da envergadura artística de traballar os poemas de Rosalía”, explica o músico a Sermos Galiza, “porque ela é para ser cantada. Ademais, o segredo son a cantidade de horas, anos, que lle levo dedicado á súa poesía. Só cómpre deixalas fluír”. Oito textos de Follas Novas e tres de Cantares Gallegos compoñen a obra, dos que só tres coñeceron antes outros “tratamentos melódicos”: Tecín soia a miña tea, Pra a Habana e A xustiza pola man.

 

Tino Baz non é alleo á vizosa, histórica fortuna musical de Rosalía de Castro, o emblemático disco de Amancio Prada de 1975 á cabeza. “A súa mística como creador de Prada levouno a gravar unha obra que nos nutre a todos”, afirma, “é unha referencia para a eternidade. Dentro de 2.000 anos seguriase cantando Adiós ríos, adios fontes como el a musicou”. Si cantan es ti que cantas agroma dun chan fertilizado, vén admitir.

 

E faino para, nas súas palabras, combater “o concepto errado” que aínda percibe arredor da autora. “De chorar nada. Rosalía canta a liberdade, canta dun xeito revolucionario sobre os aspectos esenciais da condición humana”, di, e engade que pretendeu intepretar toda esa amplitude de rexistros no seu novo traballo, autoproducido e con limiar e asesoramento do escritor Anxo Angueira, tamén presidente da Fundación da Casa da Matanza.

 

Para cumprir obxectivos, Baz encárgase das guitarras, zanfonas e voz. Chamou ademais por Laura Quintillán (violín), Alberte Vilas (piano), Lorenzo Chuchín (contrabaixo), Carlos Villanueva (frauta traveseira), Nacho Álvarez (acordeón) e mais as máis de 30 persoas do coro de Cantares do Brueiro de Camposancos (A Guarda).

 

Si cantan es ti que cantas sucede no currículo do cantautor a Cinsa namorada (2007) -un poema de Marica Campo e dez composicións propias. Nace “con vontade de axudar a perpetuar a obra” da poeta e presentarase o 11 de xullo na vila natal de Tino Baz, xusto na apertura do Encontro de Embarcacións Tradicionais que decorre este ano na Guarda.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/ainda-rosalia-canta/20190510114254079424.html


© 2019 Sermos Galiza