Imprimir

O alcalde de Monterroso gobernará el só todo o concello

Redacción | 13 de agosto de 2019

Antonio Gato, alcalde de Monterroso [Imaxe: xunta.gal]
Antonio Gato, alcalde de Monterroso [Imaxe: xunta.gal]

Antonio Gato é a única persoa con responsabilidade de goberno en Monterroso. Ficou sen xunta de goberno e sen ediles e edilas con mando após abandonáreno e marcharen todas e todos eles da candidatura independente baixo a que se presentaron. Gato anunciou que gobernará o concello decreto a decreto.

O alcalde de Monterroso, Antonio Gato, será a única persoa con responsabilidade de goberno en Monterroso. Este antigo dirixente do PSdeG lugués, antigo portavoz do partido no Parlamento Galego e na deputación, e 16 alcalde durante 16 anos, apresentouse nas pasadas eleccións municipais do 26 de maio baixo as siglas de Independentes de Monterroso, obtendo catro actas fronte as tres do seu antigo partido, outras tres do PP e unha de Compromiso por Galicia.

Será Gato a única persoa á fronte do goberno local

Mais agora será Gato a única persoa á fronte do goberno local. O rexedor enfróntase así a un escenario en solitario após a marcha do resto de edilas e edís de Independentes de Monterroso ao grupo de non adscritos.

O actual alcalde amosou porén o seu convencemento de que os abandonos se produciron polo seu intento de procurar un goberno de coalición co Partido Popular, co obxectivo de que a Xunta “financie proxectos que son o futuro do concello”.

Gato anunciou que gobernará Monterroso a base de decretos ao non contar con grupo de goberno

“Hai algúns que me acompañaban que vían reducidas as súas posibilidades”, afirmou Gato en referencia o posíbel pacto de cogoberno co PP, e anunciou a súa intención de seguir de alcalde polo menos até que trunfe unha moción de censura.

Gato anunciou que gobernará Monterroso a base de decretos ao non contar con grupo de goberno.

Un mandato accidentado desde as urnas

Xa vai para dous meses que Monterroso tamén centrou titulares da crónica política debido ao empate que se producira nas pasadas eleccións municipais a 798 votos entre o PSdeG, encabezado por Rafael García, e Independentes por Monterroso. Ambas as dúas forzas obtiveran tres actas, e finalmente a cuarta foi para a formación de Gato após fracasar o derradeiro recurso do PSdeG ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), quen emitiu un ditame o pasado 26 de xuño polo que se mantiña anulado un voto reclamado polo PSdeG. Así, ditaminouse que Independentes por Monterroso tiña 799 votos e 4 actas fronte as 3 do PSdeG con 798 votos.

Xa daquelas, a candidatura de Independentes manifestara a súa querenza por un acordo co PP.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/alcalde-monterroso-gobernara-so-todo-concello/20190813184726083091.html


© 2019 Sermos Galiza