Imprimir

Un alivio diferenciado para o malestar psíquico

Susana Rois | 10 de outubro de 2019

Conxo
Conxo
Sermos Galiza afonda na reforma que marcou o principio da fin dos grandes psiquiátricos monográficos que mantiñan as persoas con trastornos mentais severos encerradas, lonxe da súa comunidade. O novo modelo de traballo promove a integración destas doentes no seu contorno e a recuperación do lazo social perdido, pero a falta de planificación e de novos recursos asistenciais aínda manteñen as persoas enfermas tradicionalmente excluídas en situación de abandono. Eis un estrato da peza publicada no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza.

Co desexo dunha psiquiatría comunitaria como pano de fondo, o modelo actual que rexe a saúde mental é de consulta ambulatoria. Profesionais da psiquiatría, da psicoloxía e da enfermaría ao servizo dunha demanda desbordante con dificultades para traballar en equipo. Así o describe Ramón Ramos, psiquiatra con actividade profesional na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra. “Os trastornos comúns ocupan a maior parte do tempo e os casos máis severos sofren a lei de atención inversa.  Os máis graves son os que menos atención reciben; o que esixe revisar a ética das intervencións e preguntarnos como seguimos deixando abandonados este tipo de pacientes”.

Na actualidade, apenas se desenvolven programas específicos de atención ao trastorno mental severo, un dos obxectivos esenciais da reforma psiquiátrica que promoveu o apagamento dos hospitais psiquiátricos tal como se coñecían para favorecer a atención dos problemas de saúde mental da poboación no ámbito  comunitario, potenciando os recursos asistenciais a nivel ambulatorio e domiciliario.

m2_Sociedade (1)Por primeira vez, “a saúde mental entra a formar parte do sistema sanitario para gozar do mesmo recoñecemento que calquera outra especialidade amparada polo Sistema de Saúde”, explica Miguel Anxo García, psicólogo clínico no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e membro do Movemento Galego de Saúde Mental.

Unidades de rehabilitación

Pasaron máis de 30 anos e os antigos manicomios foron  fechando. Só permanece aberto o Hospital Psiquiátrico de Conxo. Agora son Unidades de Rehabilitación Psiquiátrica, reguladas polo Decreto de 1994 que rexe a saúde mental na Galiza. Ese texto estabelece o número de centros e os recursos necesarios para cada área sanitaria do país. Catro en total. Conxo, na da Coruña; Calde, na de Lugo; Piñor, na de Ourense, e o Nicolás Peña, na de Pontevedra. As catro unidades comparten obxectivos, o mesmo perfil de pacientes e, en boa medida, a organización espacial. Como “lugares de vida”, di a  psiquiatra Chus Gómez, son espazos singulares.

Na actualidade é a responsábel clínica das Unidades Hospitalarias de Rehabilitación Psiquiátrica Hospital de Piñor, e como tal, coñece moi ben as persoas internas no seu centro. Sabe os nomes, os trastornos que sofren, como lles afectan e as particularidades sociais, económicas e familiares que as rodean. Alí, como nas outras unidades, conviven persoas con trastorno mental severo, de longa duración e con gran sufrimento psíquico; persoas vulnerábeis polo seu padecemento, en risco de exclusión social e necesitadas de coidados especiais.

A dinámica propia dos antigos manicomios desapareceu. Xa non se trata de institucións totais que regulan as 24 horas do día e estabelecen a organización do espazo social e de todo canto ocorre dentro dese espazo sen consideración algunha das peculiaridades dos suxeitos que acollen.

“Nós tratamos persoas, non diagnósticos”, sentencia Chus Gómez, quen cre fundamental respectar a subxectividade de cada doente. Se ben, semella cada vez máis difícil nun momento en que a forma  de entender e de abordar a enfermidade mental provocou unha “explosión de trastornos e de xente diagnosticada”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/alivio-diferenciado-malestar-psiquico/20191009114647084965.html


© 2019 Sermos Galiza