Imprimir

Antonio Fraguas en Lugo

Adolfo de Abel Vilela | 20 de maio de 2019

Fraguas dando unha lección aos alumnos baixo o pórtico da Porta Norte da catedral de Lugo (arquivo MPG-AFF).
Fraguas dando unha lección aos alumnos baixo o pórtico da Porta Norte da catedral de Lugo (arquivo MPG-AFF).

O autor homenaxeado co Día das Letras Galegas pasou unha parte fundamental da súa vida en Lugo, a onde chega con 45 anos e unha experiencia docente de vinte anos en centros oficiais e privados. A súa pegada en Lugo non só tivo a ver co ensino. O seu ronsel ficou tamén no ámbito cultural.

Sen títuloNon se pode entender o que realmente significaron para Fraguas os nove anos de vida profesional en Lugo (1950-1959) sen coñecer as súas peripecias a partir de 1936, cando foi suspendido de emprego e soldo estando de profesor no Colexio Subvencionado da Estrada.

 

Nesa vila era o secretario do Partido Galeguista, e a comezos dese ano presentouse como candidato a alcaldía, e deu un mitin a favor do Estatuto, pero como no máis grande falou un membro do Partido Comunista, despois foron todos acusados de comunistas. Refuxiouse na súa casa e estivo escapado polo monte. Un día que foron os falanxistas e non o atoparon, pintaron sobre o lintel dunha porta "1936" para que non se esquecese da data.

 

Separado da docencia, ao quedar sen traballo, decidiu fundar a academia "Menéndez y Pelayo" co crego de San Fiz de Solovio, Ramón Davila García. Ao mesmo tempo consegue que lle fagan algúns encargos nos cursos de verán da Universidade entre 1943 e 1950, pero non puido recuperar a praza da Estrada, tendo que opositar de novo en 1942, sen éxito a pesar de pasar ao exercicio final con número 2, xa que o suspenderon por razóns políticas.

 

A hora da xustiza

 

O ano 1950 comezaba para os galeguistas coa mágoa da morte de Castelao. A primeira carta que ten Fraguas dese ano é de Ramón Otero Pedrayo. O 10 de xaneiro dille: "Estamos hoxe doidos e tristeiros co pasamento do noso Castelao. A morte foi as once da noite do sábado 7. O domingo foi o enterro impresoante de xente e froles, un dos meirandes que se viron en Bos Aires asegun din cables que eu recibo. Co istas emociós anda un espremido de todo. Que teña bon xaneiro, o mes que determina o primeiro anaco do ano".

 

O alumnado de Fraguas recórdao como un home sinxelo e próximo

 

Ese "primeiro anaco do ano" era un anuncio premonitorio para os dous, pois foi o que determinou que chegasen á meta das súas aspiracións académicas, Otero coa cátedra da Universidade de Santiago e Fraguas coa cátedra de Xeografía e Historia do Instituto de Lugo, a pesar de que un compañeiro opositor, un "español de bien", advertiu ao Tribunal de que acababan de aprobar a un individuo perigoso.

 

Aquela foi unha "boa primavera" para os dous, "pois amos trunfáchedes", como lle dixo Dictino de Castillo-Elejabeytia, outro represaliado natural de Ferrol, e profesor de Filoloxía Galaico-portuguesa na Facultad de Filosofía y Letras de Murcia, cando aínda non existía esta especialidade na Universidade de Santiago.

 

Efectivamente era aquela unha primavera luminosa tanto para el como para o seu vello amigo, Ramón Otero Pedrayo, que tamén fora apartado da súa cátedra do Instituto de Ourense polos mesmos pecados, pertencer ao Partido Galeguista, ou ser "galleguista separatista de la rama católica".

 

A volta á vida académica

 

Con motivo dunha rúa que lle dedicaron en Lugo o 7 de outubro de 1989 e dun xantar homenaxe dos ex alumnos do Instituto, Fraguas escribiu: “Lugo para min significou o mesmo que para Frei Luís o de Dicíamos onte: A liberdade. Foi a volta á miña vida académica, por eso nunca poderei esquecer Lugo”.

 

Pero foi moito máis, xa que en 1950 comezaba unha década que supuxo non só esa liberdade da que el fala, senón tamén a normalización da súa vida cultural e social. Coincide a súa chegada co traslado do Instituto a un novo edificio na chamada "Ciudad Cultural", impulsada polo Réxime, onde estaba xa a Escola de Maxisterio, e estaba a facerse o Instituto Feminino e a Escola de Comercio.

 

Fraguas chega en plena madurez, con 45 anos e unha experiencia docente de vinte anos en centros oficiais e privados, profesor auxiliar e adxunto na Facultade de Filosofía e Letras, no Colexio "Academia Gelmírez" (1930-1933), no Colexio Subvencionado da Estrada (1933-1936), e no colexio recoñecido "Academia Menéndez Pelayo" (1937-1950). Viña tamén cunha experiencia administrativa que lle vai permitir ser xefe de estudos en 1955 e a partir de 1956 secretario do Instituto lucense, o que lle fai posíbel mellorar o salario e os méritos para conseguir o traslado a Santiago.

 

Resultou unha novidade o método de ensinanza de Fraguas, pois saía fóra da aula

 

Os alumnos de Fraguas recórdano como un home sinxelo e próximo. Para eles tamén foi unha novidade o seu método de ensinanza, saíndo fóra da aula, ao parque para falar sobre o mapa da xeografía da península; a visitar a catedral, e os demais monumentos da cidade; Santa Eulalia de Bóveda; de excursión á Terra de Melide, ou indo facer traballo de campo, buscando nos arredores da cidade mámoas e castros co fin de inventarialos, continuando así o labor realizado a finais dos anos 20 con Florentino López Cuervillas polas terras do Saviñao e de Melide, e despois cos alumnos da Estrada, utilizando a sistemática do Seminario de Estudios Galegos.

 

Deu a lección inaugural da apertura do curso académico 1951-1952, falando de "Doña Emilia Pardo-Bazán. Notas de un lector"; a do curso 1957-1958, "Estampas de la vida y de la muerte del emperador Carlos I"; a conferencia da festividade de Santo Tomás de 1953 e foi o secretario dos Cursos de Primavera iniciados en 1958 polo gobernador civil Enrique Otero Aenlle, que era catedrático da Facultade de Farmacia de Santiago.

 

O seu labor cultural

 

Atopouse cunha cidade terciaria, parecida á de procedencia, pequena, pouco desenvolvida, pero en fase de total renovación, moi vinculada ao medio rural. Os círculos sociais e intelectuais son semellantes, pero máis cativos, nos que se vai integrar para facer vida social, no só cos compañeiros, senón tamén participando nos parladoiros con novas e antigas amizades, colaborando co Museo Provincial, que estreaba edificio, coa Comisión de Arte Sagrada da diocese, coa sección provincial da "Asociación Española de Amigos de los Castillos", participando en 1957 na súa creación, e na de "Escritores Españoles".

 

O seu labor de divulgación fíxoo dando conferencias, como a de homenaxe aos Reis Católicos (1952), que tiña que dar o catedrático de Xeografía e Historia; a conferencia "Galicia en las raíces de España o breves nociones sobre la prehistoria gallega"(1953); foi o mantedor da "Fiesta de la Poesía" (1957), e gañou o premio xornalístico no "II Certamen Literario de Lugo" de 1952 e o do VI, de 1956.

 

Home moi relixioso, deu os pregóns da Semana Santa (1953) e o do Nadal (1957); pescudou no Arquivo Histórico Provincial na procura de material para escribir artigos, ademais de publicar artigos de divulgación no xornal El Progreso, de Lugo, El Pueblo Gallego de Vigo, La Noche de Santiago, El Ideal Gallego de A Coruña, na revista Vida Gallega, Lar de Bos Aires e outras publicacións científicas.

 

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas, que acompaña o Sermos Galiza número 346 e que está á venda a nos quiosques e na loxa]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/antonio-fraguas-en-lugo/20190514202826079592.html


© 2019 Sermos Galiza