Imprimir

“Fraguas deixou o retrato do que somos"

Marta Coira | 10 de abril de 2019

Malores Villanueva
Malores Villanueva

Antón Fraguas naceu en Cotobade (1905) no seo dunha familia labrega. Esquivou o seu futuro no Brasil grazas a un mestre que lle viu grandes capacidades para o estudo. Acudiu ao instituto a Pontevedra e continuou en Compostela, onde se matriculou en Filosofía e Letras. Influenciado polas vivencias da súa infancia rural, inmisciuse de cheo na dignificación do galego, no que contribuíron Castelao e Cotarelo Valledor. Entregou toda a súa vida a docencia e ao galeguismo, pero tamén desenvolveu labores de etnógrafo, xeógrafo e historiador. Este 17 de Maio dedícaselle o Día das Letras Galegas. Entrevistamos Malores Villanueva, autora de Anton Fraguas. Mestre da memoria (2019).

Fraguas foi un home moi prolífico, que pegada deixou na cultura galega?

Na cultura galega penso que deixou o retrato do que somos. Recolleu e foi notario dunha Galiza que se ía esvaendo polos cambios sociais. A súa faceta de etnógrafo é o máis importante da súa achega. Nas súas obras recolle como eramos, a que xogaban os nenos e as nenas, como eran os casamentos, a arquitectura das casas, etc. Recadou toda esa cultura do noso, as nosas raíces  e a esencia do que fomos. Se para algo debe servir o Día das Letras Galegas é para estabelecer esa ponte coa Galiza de antes, coa nosa cultura. Algo que Fraguas nos deixou valorar e coñecer.

 

"Fraguas recolleu a cultura e a lingua para enxalzala"

 

Fundou a Sociedade da Lingua. Foi membro do SEG, das Irmandades, do Partido Galeguista e do Instituto Padre Sarmiento. Foi un home moi comprometido coas súas ideas?

Si, xa desde que estudaba o bacharelato. Durante esa época creou a Sociedade da Lingua, cuxos estatutos recolle o galego como idioma. Dentro da organización eran moi conscientes da importancia da lingua en todos os ámbitos, querían facer un dicionario  para a súa dignificación. O que fixo durante toda a súa vida foi iso, recoller a cultura e o idioma para enxalzala. Unha vez en Compostela relacionouse co galeguismo do momento e converteuse en secretario do Partido Galeguista na Estrada. Se ben é certo que coa guerra dá un paso atrás, non nas súas conviccións, senón na súa implicación política para enfocarse máis na cultura.

 

Até ser director do Museo do Pobo Galego, nunca acaparou os postos principais das organizacións nas que participou. Gostaba de traballar na sombra?

Fraguas era un home moi humilde en todas as manifestacións que fixo. Un exemplo disto é o momento no que entrou na RAG para ocupar a cadeira de Castelao, un posto que nunca se considerou digno de ocupar. Non era unha persoa de primeiro plano polo seu carácter, nunca liderou porque non lle gustaba. Tiña un concepto de si mesmo como traballador de base, posto no que fixo moitísimas cousas. Ademais, tras a guerra, estivo moi implicado en volver aprobar as oposicións de docente, para as que se presentou varias veces.

 

"Tras a sublevación fascista, foi sometido a un exilio de interior"

 

Por que a maior parte da súa obra chegou tras o golpe de Estado?

Antes do franquismo, durante a súa participación como membro do SEG, xa se viu inmiscido nun dinamismo galeguista cultural. No seminario realizábanse moitos traballos de campo nos que participou como etnógrafo. Se ben, tras a sublevación fascista, foi sometido a un exilio de interior, o que o levou  a refuxiarse na escritura e na investigación. Non puido volver desenvolver a súa proxección pública de secretario e mestre, e centrouse en desenvolver a súa tese e as súas obras.

 

Vostede é de Cotobade, como se percibe a figura de Fraguas na súa vila natal?

Con moito orgullo. Antón Fraguas é coñecido por todos nós, aínda hai moita xente que o recorda porque faleceu en 1999, data que non queda tan lonxe. Foi unha persoa que recolleu as nosas raíces para espallalas e dignificalas. É unha honra que alguén que representa esa Galiza rural emigratoria conseguise estudar e chegar a ser un persoeiro importante da nosa cultura, a ser un mestre moi valorado, un xeógrafo, un etnógrafo e un historiador. Sempre sen esquecer de onde procedía, sempre co orgullo de ser galego e de Cotobade e de ter unha cultura e unha lingua de noso. Pese a todo o seu sufrimento, nunca renunciou a isto.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/antonio-fraguas-recadou-toda-cultura-do-noso-nosas-raices-esencia-do-fomos/20190405140254077827.html


© 2019 Sermos Galiza