Imprimir

Antonio Fraguas tendeu pontes que viñan de Castelao a nós

Felipe-Senén | 15 de maio de 2019

Na imaxe, Antonio Fraguas co alumnado da academia Menéndez Pelayo (arquivo MPG-AFF).
Na imaxe, Antonio Fraguas co alumnado da academia Menéndez Pelayo (arquivo MPG-AFF).

Desde as perspectivas do tempo engrandécense a vida e a obra de quen trazou esperanzas alboreiras para Galiza, logo perseguidas e frustradas por unha guerra, os silencios, a convivencia cos que resistiron e, non había outra, mesmo cos que apoiaron a ditadura. Sobrevivir coa dignidade do deber cumprido, de servir á Terra. Pois velaquí a síntese vital dun home bo e xeneroso, deses que cantamos no Himno Galego, dos que non dan a esquecemento da inxuria, que fan memoria de Nós, apagando o rancor tamén.

Sen títuloDon Antonio Fraguas sentíase e sentiámolo co dereito e o deber de transmitir unha vella lección que non prescribe, a aprendida, a recolleita no Seminario de Estudos Galegos, a de afondar as raiceiras na Terra. Profesor, sempre dende a banda da humildade e do bando dos perdedores, con alicerces na aldea, dos que deu cumprimento e fin a vellas arelas galegas; velaí pois a súa obra, os seus discípulos, o Museo do Pobo Galego.

 

Ao abeiro das novas biografías aparecidas por mor da celebración do Día das Letras Galegas 2019 dedicada a don Antonio Fraguas e para esta breve introdución, non temos outra que facer memoria, mesmo furar con fiabilidade no que vivimos, no que nos contaron e lemos, escritas pola man dos que con el conviviron inquedanzas, como Filgueira Valverde ou aínda os máis novos que o seguiron dende o Museo do Pobo Galego, como o historiador da cultura Clodio González Pérez, quen abriu páxinas ao valioso estudo biográfico de don Antonio Fraguas, feito mesmo en vida do biografado e cos testemuños directos e peneirados deste (Ir Indo-1998). Imprescindible documento para seguir a afondar na obra dunha vida entregada a estudar e dar a coñecer Galiza.

 

Don Antonio reunía as esencias dos vellos patrucios e patriarcas, de conversa pousada, reflexiva, sempre buscando o punto asertivo, iso si, de lembranzas moi vivas. De canto facía tentaba deixar humilde lección, sendo a súa propia vida un intenso resumo da mesma historia contemporánea de Galiza: ires e vires, encontros e decepcións arredor dunha guerra fratricida, sobrevivindo nunha ditadura, nunha Galiza castrada e silenciada. Onde don Antonio estaba, cuberto, “encunchado” coa boina, pucha que é tradición dos seus devanceiros arxinas canteiros, a faciana como un mapa topográfico de aventuras e desventuras, de ollada aberta ao porvir, pousón, apoiado no seu caxato patriarcal centraba o parladoiro, sabendo tamén escoitar. Todo o que se agradeceu, aínda de xeito serodio, como unha homenaxe a aqueles seus que non puideron chegar ata nós.

 

Vida que nace do pobo para o pobo, como labrada na mesma pedra gra galega, a dos auténticos xornaleiros “arxinas” ou “barrocos”, eses canteiros que recorreron Galiza facendo sólidas construcións. Gabándose desas as súas orixes e do seu bo facer á vista en casas, cruceiros, fontes ou panteóns. Orixes dun sabio propio para unha Terra e un Tempo, no que despois de ilusións feitas cinzas coa guerra e da escuridade da ditadura, había que seguir, retomar camiños mais doutro xeito, entre as censuras, con moito aínda por aprender e transmitir: profesor, xeógrafo, historiador, etnógrafo e sobre todo home galego de ben, que sementou ben aínda con quen non quería entender a súa voz, a mensaxe herdada de Murguía, Rosalía, Risco, Castelao...

 

A Pontevedra de Lousada, Castelao...

 

Don Antonio Fraguas naceu coa estrela do ben acaecido día dos Santos Inocentes do ano 1905, xornadas despois de que o seu pai, Manuel Fraguas Rodríguez, deixase a súa nai, Tereixa Fraguas, para embarcar rumbo ao Brasil a traballar de picapedreiro nas vías do tren de Río de Xaneiro. Naceu nunha sinxela pero sólida casa tradicional da parroquia de Santiago de Loureiro, nas terras de Cotobade, as que do río Lérez e Almofrei van subindo á serra do Suído, vellos camiños de arrieiro, sabidos e tripados polas guerrillas nas loitas contra os franceses. Os seus primeiros estudos serán na escola pública. Cando tiña oito anos retorna o seu pai dunhas américas que servirán tema de conversas ao redor do lume da lareira.

 

Baixo as directrices de Cuevillas participa na catalogación arqueolóxica das terras do Saviñao, Lalín, Melide, A Estrada...

 

En 1918 volve baterlle nos miolos ao pai a idea de irse coa familia para Niteroi, no Brasil, seguindo o ronsel de moitos dos seus paisanos canteiros e para o que, antes, decide mandar o seu fillo a Vigo a aprender o oficio de maquinista de tren con futuro nas américas... pero o neno non estaba polo labor. O mestre convencerao de que debe seguir na máis proveitosa escola de pago de Famelga... anos de xentes, raparigos e mestres que don Antonio Fraguas gustaba lembrar, xa que dos consellos daquel mestre dependeu quedar na Galiza e o seu futuro, facéndolles ver aos pais que, denantes de se ir para o Brasil, o mociño debería rematar o bacharelato e se acaso recomendándolle estudar unha carreira, a de mestre... e así trocouse o rumbo paterno.

 

En 1919 ingresa por libre no Instituto Xeral Técnico de Pontevedra, pasando pouco despois a ser alumno oficial e vivir de pousada nesta cidade, rebuldeira entón en canto significaba a cultura. E velaí os inesquecibles profesores que animaron as súas pescudas, especialmente o amor pola xeografía, pola Terra, como Ramón Sobrino Buhigas, no debuxo Castelao e sobre todo quen máis o engaiolou e así o declaraba foi o filósofo e membro das Irmandades da Fala, motor de inquedanzas galeguistas, tradicionalista, católico tamén, don Antón Lousada Diéguez. Antonio Fraguas a un tempo participa en actividades arredor da lingua e da arqueoloxía, crea novos, e que logo serán influentes, compañeiros con ansias semellantes, entre eles o seu inseparable e perdurable Sebastián González García-Paz, Filgueira Valverde, de la Sota, Chamoso Lamas, Xosé Sesto... Son anos de moitas iniciativas culturais e políticas arredor do galeguismo na “Boa Vila”, acrecentadas no devalar dos anos 24 ao 30 baixo a presidencia da Deputación de Pontevedra de Daniel de la Sota: mostras de arte, música, teatro, mitins, bolsas de estudo...

 

O galáctico universo compostelán

 

En 1924 pasa a Compostela a estudar Filosofía e Letras, vivindo na mesma pétrea cerna histórica, a carón do mosteiro de Antealtares. Entre os seus profesores lembrou sempre os que acrecentaron as súas paixóns pola Terra, Armando Cotarelo Valledor, Salvador Parga Pondal, Luis Pericot... aínda que aquela era unha universidade na que Galiza estaba ausente, en contraste co nacente ambiente en parladoiros e reboticas das Irmandades da Fala, onde o escenógrafo Camilo Díaz Baliño era un atractivo referente para as inquedanzas do inquedo mozo Fraguas. Ambiente que en 1923 xa dera orixe ao Seminario de Estudos Galegos (SEG) e ás súas xeiras de pescuda... o motor eran as ideas de Castelao, de Cuevillas, de Otero Pedrayo, de Risco, de Bouza Brey, entre as dos entón máis novos como Isidro Parga Pondal ou Carvalho Calero...

 

En 1926 cumpre o Servicio Militar na mesma Compostela, liberándose por pouco de ir destinado ás colonias de África, ambiente cuarteleiro onde coincide co escultor Uxío Souto para compartir inquedanzas sobre o pasado céltico e sumarse ás Irmandades da Fala, así como no Seminario de Estudos Galegos, tarefas ás que se suma, coincidindo e afianzando a irmandade cos seus vellos coñecidos compañeiros de Pontevedra, Filgueira Valverde ou Chamoso Lamas... onde colabora en temas de xeografía guiado por Otero Pedrayo, así como nos de etnografía baixo a dirección de Risco e de Bouza Brey.

 

En 1928 licénciase en Filosofía e Letras, opositando a auxiliar de Xeografía e Historia na facultade compostelá, praza que ocupará ata 1933. Sen esquecer a súa terra natal son anos nos que o aporte de Fraguas aos estudos do seu Cotobade serán inmensos e aínda por redescubrir hoxe. Así publicará en Nós (1930) O Entroido nas terras do Sul de Cotobade. Baixo as directrices de Cuevillas participa na catalogación arqueolóxica das terras do Saviñao, Lalín, Melide, A Estrada... Afonda e fai a historia da universidade compostelá e dende entón non deixa de aportar os seus artigos en A Nosa Terra, nos Cadernos do SEG ou en 1932 colaboracións en Radio Galicia, ano en que casa en Valga con Tereixa Martinez Magariños.

 

Unha guerra, o asasinato dos amigos, as purgas, o medo... os encunchados

 

En 1933 fai oposicións como catedrático do Instituto Elemental da Estrada, coincidindo novamente co escultor Uxío Souto e con Bouza Brey, que alí exercía como xuíz... Mesmo participa en mitins con Castelao en favor do Partido Galeguista e do Estatuto de Galiza e presentarase como candidato á alcaldía da Estrada. Iniciada a guerra, viviu o asasinato de moitos dos seus amigos e compañeiros... vixiado, pensou que tamén irían por el, foi suspendido de emprego e soldo, mesmo publicouse a súa busca e foi tamén axudado por amigos... asuntos moi gardados e silenciados por el.

 

Fraguas nunca perdeu a idea do Seminario de Estudos Galegos, a de velar polo idioma, recoller e documentar tradicións, ir formando museos etnográficos

 

Moitos daqueles traballos, dos resultados das xeiras de pescuda, así como do material arqueolóxico, etnográfico ou artístico reunido polo Seminario de Estudos Galegos para un futuro museo serán espoliados na guerra civil. Por iniciativa de varios membros do mesmo seminario en resignada conivencia co franquismo, como o cóengo Xesús Carro, Chamoso Lamas, Filgueira Valverde... en 1943 o que queda do antigo Seminario, como o que se salvou na biblioteca da universidade, pasa depender do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, onde aínda segue, baixo o nome de Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento... pasando as súas instalacións á Casa da Balconada, logo a San Xerome... Naqueles espazos, aos que se lles devolveu certo “genius galaicus” decorativo, expedientado, desposuído da súa cátedra de instituto, fichado pola ditadura, don Antonio aínda foi capaz de avivar novas inquedanzas e esperanzas, catalogou os libros devoltos pola universidade, parolaba cos amigos e cos máis novos.

 

Non se moveu de Compostela, algúns amigos seguiron a axudarlle, fixéronlle encargos na universidade, deu clases particulares até montar unha academia privada xunto co crego Ramón Dávila García co nome de Menéndez Pelayo. En 1950 doutórase na universidade de Madrid co tema da Historia do Colexio de Fonseca, capital e ano en que oposita novamente até conseguir praza de catedrático no Instituto de Lugo. Cidade na que participa nos parladoiros do Café Méndez Núñez, conversas centradas polo médico poeta Luis Pimentel, Ánxel Fole, Rof Codina... encontros mesmo aos que acoden os máis novos, como os poetas Manuel María ou Novoneyra... Cidade e entorno que investiga e da que fai unha guía, volvendo a ser colaborador en revistas e xornais. Son anos os de Lugo de grande actividade de publicacións arredor da xeografía, da arqueoloxía ou doutros temas como como Impresión del viaje de los Reyes Católicos a Galicia, Notas sobre el fuego en Galicia, Aportación al estudio folclórico de castaño, la castaña y el magosto, El funeral de Carlos II en la Catedral de Lugo... Cidade onde creu alumnos que non o esquecerán no futuro, ata que en 1959 e por concurso retorna a Compostela, ao Instituto Rosalía de Castro, onde permanece ata a súa xubilación en 1975.

 

Segue cos seus traballos, que abren a máis amplas pescudas, arredor de vellas teimas, vivencias, sobre tradicións e costumes: La Virgen en el cancionero popular gallego, Aportación al estudio del Teatro popular en Galicia, Algunos dichos y creencias a cerca de algunos animales, Influencias de la emigración al Brasil en tierras de Galicia, Emplazamiento de ferias en Galicia a finales del siglo XVIII, Emoción y recurdos de la Ribeira Sacra, Algunos seres fantásticos de nuestra tierra, La puerta Santa de la Catedral de Santiago, Galicia insólita, tradiciones gallegas (1973), La condesa de Pardo Bazán y el folklore, Preocupación polo tempo e os astros na creencia popular, Castelao en Cotobade, Literatura popular en torno al casamiento, embarazo y parto, Algunas creencias sobre el mar, La Sociedad de Amigos del Arte en Santiago de Compostela, Apuntes para la historia de Murguía... Alí por onde pasou o profesor de Historia don Antonio Fraguas sementou sensibilidade e amor á Terra entre os seus alumnos, algo que lle agradecerán ao cabo dos anos. Nada pediu, nada debeu, velaí pois tamén o prezo da súa coutada liberdade, a de encunchado en silencios, sen esquecer as súas orixes, baixo a pucha negra de canteiro... moi dentro dos seus segredos os nomes de verdugos, os episodios tristes, as negacións que sufriron aqueles os seus, os que entre eles formaron case unha xentilidade castrexa e se chamaban “irmáns”. Endexamais esqueceu as terras de Maside, a aldea de Listanco, presidida do seu pazo, á vista da Trasalba de Otero Pedrayo, onde de mozo pasou tempadas acompañando o seu pai canteiro, onde non deixou de tomar notas de tradicións e costumes. A onde sempre volveu, sen faltar coa súa señora á cita anual de cumprir co ritual dos baños nos balnearios de Partovia e do Carballiño, a poñer un ramallo de flores nos sartegos de Moldes, terra, casa e sepultura do seu mentor Lousada Diéguez, do seu colega Chamoso Lamoso Lamas.

 

En 1951 é elixido numerario da Real Academia Galega, ocupa a cadeira queas. En 1951 é elixido numerario da Real Academia Galega, ocupa a cadeira que fora de Castelao, o seu discurso é sobre os cantares populares, esa interacción paisaxe-paisanaxe, o panteísmo, acollido baixo o título de Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán e ao que lle responde a grandilocuencia barroca e emocionada de don Ramón Otero Pedrayo, gabando a historia, a lealdade á Terra do seu vello amigo e discípulo. Fraguas nunca perdeu a idea e fins do Seminario de Estudos Galegos, a de velar polo idioma, de construír un dicionario, de recoller e documentar tradicións, artefactos, de ir formando museos etnográficos, memoria de nós. Mesmo as súas pescudas tratan de abrir camiños prioritarios aos vindeiros. En mente sempre estará a súa terra de Cotobade, o entroido e as festas populares, os romances, os fiadeiros, o traxe galego, os acibeches... temas que tanta historia da cultura encerran e nas que radica a orixinalidade, a identidade galega.

 

O nacemento e a consolidación do Museo do Pobo Galego

 

E velaí que o que está de ser chega a ser realidade, sen ser unha iniciativa de gobernos que miran para outras virtualidades: no 31 de xullo de 1976 por iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia, mozos seguidores das teimas de Fraguas, de Bouza Brey, das ansias de Risco e de tantos outros, baixo a presidencia de Xaquín Lorenzo, constitúen o Padroado do Museo do Pobo Galego, acordando que o seu director sexa Antonio Fraguas, para inaugurarse no emblemático mosteiro compostelán de Bonaval, será o 29 de outubro do 1977. Iniciativa que vén de vello, que estaba en mente e na sementeira, a que presupón un traballo de adecuación do edificio histórico, a formación das coleccións, a documentación, o estudo e divulgación das mesmas, contribuíndo así tamén á maduración da ciencia da museoloxía na Galiza. Ábrense novas perspectivas para o que era xa un patriarca da cultura galega, don Antonio non deixa de acudir ao Museo do Pobo Galego, a servir de guieiro, a traballar nas vellas teimas e velaí: El Santuario de la Peregrina en Compostela, A pena cadeira e dúas penas máis, O Traxe popular galego, Biografía de Iglesias Alvariño, Romarías e Santuarios...

 

En 1984 don Antonio Fraguas recibirá a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego, institución da que despois do pasamento de Xocas en 1989 será nomeado presidente do Padroado e director do mesmo. Dende 1983 é membro sobranceiro do Consello da Cultura Galega, como de varias academias, mesmo da de Arqueólogos portugueses, país co que sempre mantivo fortes e necesarios vencellos.

 

En 1984 a Xunta de Galicia outórgalle a Medalla Castelao, en 1985 a Fundación Otero Pedrayo dálle o Premio Trasalba; en 1988 recibe a Medalla de ouro de Compostela... en 1992 a Xunta de Galicia noméao Cronista Oficial de Galicia, ano en que tamén recibe das catro deputacións galegas o Premio Otero Pedrayo.

 

Para o obradoiro dos canteiros do Museo do Pobo Galego, como se fose a súa mesma casa, doou a ferramenta de canteiro arxina que fora de seu pai. En 1994 fai entrega da súa biblioteca, feita dende neno...

 

En 1998 a Deputación da Coruña crea o Certame Antonio Fraguas de Artesanía Galega, actividade presidida por don Antonio na que se poñían de relevo as tradicións artesanais de Galicia e as novas artesanías... Así, ao fin e ao cabo, despois dun exemplar camiño andado en difíciles circunstancias, Galiza cumpriu como se debe con quen levaba na fronte unha estrela e no bico un cantar.

 

O 5 de novembro de 1999, celebrado tempo de santos, defuntos e magostos, don Antonio é chamado a pasar as barreiras do Trasmundo, que diría Laxeiro, a ser luz na Compaña da Alba de Gloria, é enterrado no cemiterio compostelán Boisaca, a carón da campa do romántico poeta precursor Aguirre, de Valle Inclán, onde logo tamén o será o seu amigo Isaac Díaz Pardo. Como herdo o seu exemplo, a súa obra, as súas leccións, as de afianzar raiceiras, as que endexamais prescriben, a Fundación Antonio Fraguas, creada no seo do Museo do Pobo Galego, ten como fin os seus obxectivos, que son os do mesmo museo.

 

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas que vai ser entregado co semanario en papel Sermos Galiza número 346 e que estará á venda a partir da quinta feira]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/antonio-fraguas-tendeu-pontes-vinan-castelao-nos/20190514140200079576.html


© 2019 Sermos Galiza