Imprimir

Apostar no campo como modo de vida

Uxía Castro | 23 de marzo de 2019

[Imaxe: cedida] Sonia Vidal
[Imaxe: cedida] Sonia Vidal

Moita xente nova desbota a idea de dedicarse á vida no campo polo seu alto sacrificio. Na Galiza, as máis das veces trátase de explotacións pequenas que non dan unha grande marxe de beneficios, mais si unha enorme carga de traballo. Quen decide por propia vontade traballar no eido rural faino en boa parte dos casos a través de cooperativas ou na elaboración de produtos artesanais, non en explotacións tradicionais. Sermos Galiza fala con catro persoas que se incorporaron ao rural nos últimos anos. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 339 do semanario en papel.

4Sonia Vidal viviu en Alemaña até os 16 anos. Filla de emigrantes e neta de retornados, até os oito anos creceu cos seus avós no campo; “aínda que non veño de familia gandeira nin agricultora”, conta en conversa con Sermos Galiza. “Aos 16 anos decidín que o que me gustaba era vivir na Galiza e quería que o meu futuro fose aquí”, di. Foi por iso que após uns anos traballando no sector téxtil e a súa parella na construción, cunha nena pequena e tras a chegada da crise, ambos decidiron abrir unha explotación gandeira extensiva no concello de Xunqueira de Ambía. “Comezamos cun par de vacas e fomos aumentando as cabezas segundo as nosas posibilidades”, explica, “intentamos facer venda directa, a día de hoxe un 30-40% das nosas vendas son nesa modalidade”. Ademais, contan tamén cunha granxa de pavos en franquía con Coren, “para termos certa estabilidade”, engade.

 

Esta mudanza de profesión e estilo de vida foi motivada polas posibilidades de conciliación e cambio de ritmo do rural fronte o urbano. “Queríamos compartir máis tempo coa nosa filla, e coa segunda, que xa naceu aquí”, di Vidal, “evitar grandes desprazamentos ao lugar de traballo e un horario que só nos permitía velas polas noites”. Tamén, poder recuperar os espazos, que lembraban moi diferentes, da súa infancia, “podermos recuperar monte abandonado que comían as silvas, termos as terras labradas”. É por iso que contan ademais cun contrato de recuperación do territorio co concello limítrofe de Allariz. Posúen oito bois que coidan até o cebo.

 

Respecto ás súas fillas, de nove e seis anos, relata Sonia Vidal que “non se pechan na casa polas tardes ao volver do colexio”. “E certo que o noso é un traballo de luns a domingo, sen un só festivo, mais compartimos tempo doutro modo. Veñen cambiar o gando con nós, ven como nacen os becerros, van inculcadas doutra maneira”. Fala tamén de que nisto inflúe moito a vida diaria coas veciñas e veciños. “Se un día chove moito, en vez de vir comigo, quedan coa veciña”, di, mentres explica que os servizos na vila son “mínimos ou practicamente nulos”, polo que fomentan outras formas de ter eses servizos. “Facemos vida en comunidade. É enriquecedor para as miñas fillas e para as persoas maiores ese intercambio de sabedoría. E ao mellor, a cambio, eu logo outro día vou axudarlles a sementar as patacas”.

 

Preguntada polas dificultades, Vidal quéixase sobre a excesiva burocracia. “Impídeche facer moitas cousas”, expón, “só apoian os macroproxectos. Cando nós abrimos a granxa de pavos en intensiva, puxeron todas as facilidades. Porén, para o gando en extensivo, todo foron trabas”. É por iso que pide máis facilidades para as pequenas explotacións familiares, que implican moitas máis tarefas que a propia actividade económica.

 

[Podes ler a información íntegra no número 339 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/apostar-campo-modo-vida/20190320164607077236.html


© 2019 Sermos Galiza