Imprimir

'O que arde' aspira a estar entre as finalistas dos Premios Goya en 15 categorías

Redacción | 06 de novembro de 2019

Os nomeados daranse a coñecer o vindeiro 2 de decembro.  Entre as categorías ás que aspira o filme de Oliver Laxe están a de Mellor Película, Dirección e actor relevación tanto masculino como feminino.

A película 'O que arde' de Oliver Laxe aspira a estar entre as finalistas dos Premios Goya nun total de 15 categorías, entre elas, Mellor Película, Dirección e actor relevación tanto masculino como feminino.

A Academia, que dará a coñecer o 2 de decembro os finalistas de cada categoría, publicou a relación das 146 películas que aspiran a facerse cunha figura na 34ª edición dos Premios Goya.

'O que arde', que pasou xa os 50.000 espectadores nas súas catro primeiras semanas en carteleira, figura entre os seleccionados en 15 categorías.

Ademais de Mellor Película, Óliver Laxe podería situarse coa súa terceira longametraxe entre os nomeados a Mellor Dirección e Mellor Guión Orixinal, neste último apartado, en conxunto con Santiago Fillol.

Os protagonistas do filme Amador Arias e Benedicta Sánchez optan, pola súa banda, ás categorías de actor revelación. Tamén están seleccionados Inazio Abrao e Elena Fernández para os premios de Mellor actor e actriz de reparto, respectivamente.

Así mesmo, a cinta opta a outras oito categorías: Dirección de produción (Analía G. Alonso, Guadalupe Balaguer Trelles e Koldo Zuazua), Dirección de fotografía (Mauro Herce), Montaxe (Cristóbal Fernández), Dirección artística (Curru Garabal, Samuel Lema), Deseño de vestiario (Nadia Acimi), Maquillaxe e barbaría (Raquel Fidalgo, Nadia Acimi), Son (Amanda Villavieja, Sérgio Silva, Xavi Souto, David Machado) e Efectos especiais (Raúl Romanillos, Benxamín Ageorges).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/arde-aspira-estar-finalistas-premios-goya-15-categorias/20191106165329086385.html


© 2019 Sermos Galiza