Imprimir

O arquivo da familia Baltar regresa a Galiza

Redacción | 19 de maio de 2016

Última páxina asinada por Rosalía dunha das cartas enviadas a Ángel Baltar
Última páxina asinada por Rosalía dunha das cartas enviadas a Ángel Baltar

Hoxe a familia Baltar asinou en Madrid un acordo coa Fundación Rosalía para depositar na súa Casa-Museo de Padrón o seu arquivo histórico, que inclúe valiosa correspondencia de Roalía, Murguía, Castelao, a RAG, Alfredo Brañas e outros. 

Esta tarde asinouse na Madrid un acordo para traer de volta a Galiza, en concreto á Casa de Rosalía, o fondo documental de Ramón Baltar Beijoo e Ernesto Baltar Santaló, que inclúe máis de 400 cartas -moitas delas inéditas- de importancia para a historia deste país. O acto tivo lugar na Casa de Galicia de Madrid onde os fillos de Ramón Baltar Feijoo Dolores, Jacobo e Ernesto Baltar García-Peñuela asinaron con Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, o acordo mediante o cal o fondo pasa a instalarse na Casa de Rosalía. 

Neste arquivo contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) até os anos vinte do pasado século. O conxunto componse maiormente de correspondencia e está organizado nos seguintes apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré…) e Cartas políticas (ministros, deputados, Marqués de Figueroa…) 

Autógrafos de Rosalía

De entre todo o valor histórico do fondo cómpre destacar varios autógrafos de Rosalía (unha carta dirixida a Ángel Baltar), o diario do propio Ángel Baltar, amigo e protector da familia Murguía-Castro, onde se apuntan relevantes datos biográficos de Rosalía, a folla de servizos de Manuel Murguía, versos autógrafos de Ramón Rey Baltar e todo un caudal de correspondencia inédita (máis de catrocentas cartas) centrada especialmente en Ramón Tojo e a el dirixida por Manuel Murguía e a súa filla Alexandra, por Daniel Castelao e seu pai Mariano Rodríguez, por Eduardo e Rafael Dieste, César Vaamonde Lores, Ramón Rey Baltar, Andrés Martínez Salazar, Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré, Fortunato Cruces, Amor Ruibal, Pérez Ballesteros, etc. 

Ao longo de varias xeracións, a familia Baltar, vinculada a Padrón, mantivo unha estreita relación, moitas veces actuando de protectores, con algúns dos intelectuais, escritores e políticos máis importantes da Galiza contemporánea. Dolores, Jacobo e Ernesto Baltar García-Peñuela, fillos de Ramón Baltar Feijóo, fan depósito do arquivo familiar na Casa de Rosalía co obxectivo de que regrese a Padrón e poida ser coñecido e difundido. Neste sentido a Fundación comprometeuse a crear un espazo dentro da propia Casa de Rosalía para o fondo, que xa está contemplado no proxecto de reformas do sobrado, así como a dixitalizar o conxunto para facelo público e de acceso universal, a realizar unha publicación académica que o estude e a crear un premio de ensaio co nome de Ramón Baltar Feijóo para divulgar a importancia deste senlleiro legado. En próximas datas terá lugar un acto en Padrón, na Casa de Rosalía, para celebrar a recepción do mesmo. 

O presidente da Fundación valorou así a importancia deste depósito: “Trátase dun arquivo histórico dunha relevancia extraordinaria, que fala de feitos que afectan á Galiza de finais do XIX e principios do XX e afecta a figuras tan importantes como Rosalía, Castelao, a creación da RAG, etc. Aínda que está sen estudar, dado que aínda non puidemos acceder a todo, nesta documentación fálase da vida de Rosalía na Casa da Matanza que pode achegar datos novos á súa biografía”. 

Para a Fundación, segundo Angueira, “é unha responsabilidade moi grande acoller un legado desta magnitude. É un fondo que nos obriga a facer moitas cousas: a estudalo, publicalo, dixitalizalo e expoñelo na Casa-Museo. E isto para unha Fundación de escasos recursos humanos e económicos. Pero que a familia Baltar pensase en nós é un orgullo e unha satisfacción extraordinaria, porque quere dicir que confían na nosa xestión”. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/arquivo-da-familia-baltar-regresa-galiza/20160519184151047818.html


© 2019 Sermos Galiza