Imprimir

A artista Luz Darriba fala no Museo do Pobo a partir do claustro de Bonaval

Redacción | 12 de decembro de 2017

A artista Luz Darriba. Foto: cedida.
A artista Luz Darriba. Foto: cedida.

A “artista multidisciplinar” Luz Darriba (Montevideo, 1954) protagonizará esta terza feira ás sete do serán o peche do ciclo Temos unha peza do Museo do Pobo Galego. Para disertar sobre a súa relación coa histórica institución de Santiago de Compostela, Darriba escolleu unha peza ben curiosa: o claustro do mosteiro de San Domingos de Bonaval.
 

Darriba pon o ramo a unha iniciativa pola que pasaron ilustres nomes como a zoqueira Elena Ferro ou escritores como Suso de Toro e coa que o museo celebrou 40 anos de actividade.

 

A obra de Luz Darriba adoita relacionarse coa “defensa dos dereitos humanos, especialmente a defensa das mulleres e a denuncia da violencia de xénero”. Deuse a coñecer en Galiza cando, en 2000, rodeou a muralla romana de Lugo -2.300 metros de perímetro- con máis de medio millón de libros. Esixía a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Repetiu a intervención na Porta de Alcalá de Madrid, mais só con 80.000 volumes.

 

Darriba realizou máis de duascentas exposición en diferentes lugares do mundo e na actualidade coordina para Europa a organización The Feminist Art Project -con base en Nova York-, que agrupa artistas que se recoñecen politicamente no feminismo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/artista-luz-darriba-fala-no-museo-do-pobo-partir-do-claustro-bonaval/20171211140338064134.html


© 2019 Sermos Galiza