Imprimir

As mulleres queremos ser escoitadas

Luz Darriba | Artista

Sermos Galiza | 14 de agosto de 2019

Xullo, un verán sanguento, deixounos a cifra insoportábel de nove mulleres asasinadas. Nove feminicidios e o asasinato, tamén un crime machista, dun rapaz de once anos a mans do seu proxenitor. A escalada de sangue que non só non mingua, senón que semella medrar como a peste. A todo isto, as responsabilidades de persoas e institucións nestes atentados terroristas machistas brillan pola súa ausencia. Fíxanse sobre fondos opacos, e van desaparecendo entre o rebumbio de novos disparates.

Parece que vai pasar algo, que alguén vai ter que responder, mais non ocorre ren. Así, xuíces que ordenan as vítimas compartir o espazo físico cos maltratadores, que obrigan os fillxs visitar os pais condenados por maltrato (moitas veces en infames puntos de encontro, outras nas propias vivendas dos criminais), centros de axuda e policía que non protexen seguen a ser aceptados como normais nunha sociedade que hai tempo desertou de ser xusta. Neste clima caldeado e noxento escóitanse e normalízanse as voces dos fascistas, que apostan por que as mulleres sexamos queimadas na fogueira (tempo ao tempo), recortando, alí onde as outras dereitas lles abriron a porta, dereitos, cartos e posibilidades, que sumen para que esta guerra contra a metade da poboación do mundo remate de vez. Un verán pastoso, si señoras.

A sorte é que a vida leva ao pé da letra a alternancia entre “as de cal e as de area”, e tamén xullo trouxo cousas boas e salientábeis. E, entre elas, chegounos de Bos Aires María Rosa Iglesias, coa súa humanidade e a súa novela: Aurelia quiere oír. María Rosa Iglesias fai parte desa diáspora incombustíbel e motivadora que agroma nas dúas beiras do Río da Prata. Unha diáspora da que, agás excepcións, non adoitamos saber nin aquilatar o seu valor na transmisión e difusión da cultura galega. Unha diáspora teimuda e enerxética que defende a lingua, divulga o traballo dxs creadores galegxs, mantén sempre unha ollada activa cara a outra beira do enorme mar. Todos estes conceptos reflíctense na novela de María Rosa, Aurelia quiere oír.

Escrita en castelán, nun perfecto e virtuoso castelán, só que construída en galego dende as tripas. As tripas e as lembranzas dunha nena labrega de catro anos que foi obrigada polas circunstancias a emigrar coa súa nai á Arxentina, na busca do seu pai. Unha nena que carretaba, ademais da nostalxia da verde terra e os afectos primeiros, unha enfermidade que a facía diferente, que constituíu unha grande eiva durante toda a súa vida. A hipoacusia producida por un sarampelo mal curado afastouna do mundo: o vello e o novo. O vello que botaba en falla, idealizado, e o novo que sentía que non lle abría as portas. Aurelia, alter ego de María Rosa (aínda que ela di que non se trata dunha autobiografía ao uso), loitou contra todo o que se puxo por diante por ser unha máis. E non o conseguiu, abofé. Porque Aurelia non é unha máis entre unha chea de vidas marcadas polo traumático feito migratorio. Aurelia é unha poeta, unha escritora, unha muller que é quen de analizar e utilizar a súa propia vida e as súas propias dificultades para expoñermos o pasado e o presente dunha masa migratoria que non mingua. Que foi inmensa no pasado e que é ben grande no presente.

Hai ben pouco soubemos que arredor dun terzo dos mozos e mozas que se viron impelidxs a facer a maleta e buscar outras oportunidades por mor da mal chamada crise e as súas políticas neoliberais austericidas, son galegxs. Unha terceira parte dun total que dá medo: 1.500.000 persoas. Cantas Aurelias haberá servindo birras nas rúas de Oslo, de Bruxelas, de Hannover ou de Bos Aires? Cantas delas, cos seus títulos baixo o brazo, buscan con desespero o burato no que atopar a saída? Cantas haberá que teñan algunha eiva que as faga sentirse diferentes e polo tanto rexeitadas. Alguén deberá, mais cedo que tarde, rescatar esas historias. Para que esteamos todas, para que as voces como a de Aurelia, que máis que ouvir quería que a ouvisen, sexan escoitadas.

 

[Este artigo de opinión foi publicado no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/luz-darriba/as-mulleres-queremos/20190807132629082879.html


© 2019 Sermos Galiza