Imprimir

O peso dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos

Redacción | 03 de outubro de 2018

A participación dos salarios na riqueza do noso país é de 44%, o que supón 3,4 puntos menos que a correlación que hai no Estado español e 4 puntos menos que na UE.

 

Nestes anos de gran recesión houbo un cambio de tornas de enorme calado: o peso dos beneficios empresariais superou ao dos salarios no Produto Interior Bruto (PIB) de Galiza. Mais esta  situación tiña as raiceiras e orixes en anos ben atrás. Un proceso no que se deu unha drenaxe ou trasvase das rendas salariais a favor dos beneficios das empresas.

 

Entre 1981 e 2014 a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Era 62% do PIB e pasou ser 44%. Ao tempo, a participación das rendas do capital no PIB galego pasou de 34,4% (1981) a 46%. Un aumento de 12 puntos. Uns dados que amosan que Galiza está entre os países da Unión Europea con menor participación dos salarios na riqueza do seu país: 44%, o que é 3,4 puntos menos que a correlación que se dá no Estado español e 4 puntos menos que na UE.

 

Desde comezos de século XXI até agora houbo unha caída de 30 puntos no salario bruto anual medio en termos reais. En 2016 o soldo é 70% do valor correspondente que ese mesmo soldo tiña en 2001. O menor peso das rendas salariais que das rendas do capital no PIB non é algo que se dea en todos os territorios do Estado. A isto chegouse após un proceso no que, só entre 2007 e 2016, a masa salarial diminuíu na Galiza en 1.300 millóns de euros ao tempo que os beneficios empresariais aumentaban en máis de 500 millóns, segundo un estudo de UGT.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/asi-dan-volta-tortilla-1981-2014-peso-salarios-riqueza-galiza-caeu-18-puntos/20181002115330072537.html


© 2019 Sermos Galiza