Imprimir

"A astronomía na Galiza require de certa flexibilidade"

A.Mera | 06 de agosto de 2019

O verán é unha das mellores épocas do ano para observar as estrelas xa que o ceo adoita estar menos nubrado. De feito, en moi poucos días poderanse ver as Perseidas, tamén chamadas bágoas de San Lourenzo. Sermos Galiza conversa co membro da Agrupación Astronómica Ío, Martin Pawley, sobre as mellores horas e lugares para observar este fenómeno así como os perigos que entraña a contaminación luminosa.

Desde calquera recuncho da Galiza poderanse albiscar en cuestión de días as bágoas de San Lourenzo. Porén, cada vez é máis difícil poder gozar da observación do ceo nocturno debido á agresiva contaminación luminosa que ademais afecta todo o ecosistema. Sermos Galiza conversa co membro da Agrupación Astronómica Ío, Martin Pawley, sobre as mellores horas e espazos para poder ver as Perseidas e arredor dos riscos da contaminación luminosa na Galiza.

 

Que lugares da Galiza recomendarías para observar as bágoas de San Lourenzo?

Calquera espazo distanciado da luz, pois para ver unha choiva de estrelas non fai falla usar nada máis que os ollos, non precisamos de prismáticos nin de ningún obxecto. O que precisamos é estar nun espazo o máis aberto posíbel para sermos quen de abranguer coa mirada un gran plano do ceo, xa que as estrelas van aparecer en calquera punto.

Para ver unha choiva de estrelas  precisamos estar nun espazo o máis aberto posíbel para sermos quen de abranguer coa mirada un gran plano do ceo

Recomendaría situarse coa maior comodidade posíbel, sentados ou deitados, para ver o ceo cunha mirada moi ampla. Así que debemos evitar poñernos entre edificios, pois só veremos unha pequena porción de ceo. Por outra banda, quen as vexa desde unha cidade, quizais poida albiscar algunha estrela especialmente brillante, mais a maioría seranlle invisíbeis.

A mellor data para observar as perseidas é o 12 e o 13 de agosto, mais este ano a lúa brillará con intensidade no ceo durante a maior parte da noite

A mellor data para observar as perseidas é o 12 e o 13 de agosto, mais este ano a lúa brillará con intensidade no ceo durante a maior parte da noite, polo que restará escuridade e ocultará as estrelas fugaces. Co cal, máis que o lugar, o importante é o momento: canto máis tarde na noite mellor. De feito o óptimo será a alta madrugada, porque é cando menos brille a lúa e máis alta estea a constelación de Perseo.

 

A contaminación luminosa é a grande inimiga da observación do ceo mais, ten efectos sobre a poboación e a natureza?

É a grande inimiga da observación das estrelas e sobre todo da escuridade da noite, e con isto quero dicir que non só é un problema para desfrutar da paisaxe e das estrelas, senón que tamén é un problema para a paisaxe na que se desenvolven moitos seres vivos.

Hai máis especies vivas con hábitos nocturnos que diurnos e, por tanto, cando estragamos a escuridade da noite introducindo luz estamos poñendo en perigo o ecosistema.

A iluminación non se limita a onde poñemos un farol, senón que se estende centos de quilómetros

A iluminación non se limita a onde poñemos un farol, senón que se estende centos de quilómetros, polo que os efectos da contaminación luminosa son moi extensos.

Cada vez están máis estudados os riscos que supón para o medio este tipo de contaminación e imos tamén averiguando os efectos nocivos que ten sobre a saúde das persoas. Todo isto ten que ver co uso e o abuso da luz en horario nocturno e obríganos a repensar a nosa relación coa luz e a buscar cal é o seu verdadeiro sentido pola noite, que non é outro que facilitar o tránsito das persoas e as funcións e traballos que hai que realizar en horario nocturno. Todo o que hai alén diso cómpre cuestionalo e pensar se podemos renunciar a iso.

Ademais, falando xa da observación, cando unha persoa está na natureza de noite, a sensación é distinta que cando estás con luz, porque o ecosistema compórtase de maneira diferente. Cando metemos luz, alteramos todo iso. A única maneira de coñecer a natureza de noite é estar ás escuras.

De forma habitual facemos observacións astronómicas na cidade da Coruña co obxectivo de ver a Lúa e outros obxectos no ceo

Como son as observacións que realizades na Agrupación Astronómica Ío?

De forma habitual facemos observacións astronómicas na cidade da Coruña co obxectivo de ver a Lúa e outros obxectos no ceo. Neses casos centrámonos en algo máis concreto como a propia Lúa e algúns planetas, pois non están tan afectados pola contaminación luminosa. Ademais, adoitamos realizar observacións en Guitiriz.

Outras veces chámannos de concellos e entidades para que organicemos observacións guiadas. Unha das últimas foi en Vimianzo, na ermida do monte de San Bartolo. Levamos telescopios e fixemos coa veciñanza unha observación do ceo tanto a simple vista como a través destes aparellos.

Imos facer outra actividade para falar de contaminación luminosa tamén en Vimianzo o día 14 de agosto. Uns días antes, o 10 de agosto, estaremos en Chandebrito, Nigrán, cunha observación astronómica en torno ás perseidas.

Como pode alguén sumarse ás observacións que realizades?

A través da nosa web e redes sociais poden seguir a axenda de actividades. Porén, non adoitamos avisar con moitos días de antelación, porque a meteoroloxía na Galiza é cambiante, como estamos a ver este verán.

A astronomía na Galiza require de certa flexibilidade. O verán adoita ser unha época boa, mais ten o inconveniente de que anoitece tarde, até as 12 horas non é noite pecha, e unha observación astronómica esixe de escuridade. Por iso en inverno é máis doado porque aínda que o ceo adoita estar nubrado, cara ás 20 horas xa tes a noite. É aí o paradoxo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/astronomia-galiza-require-certa-flexibilidade/20190730205627082621.html


© 2019 Sermos Galiza