Imprimir

Asturies pecha a ría de Ribadeo ao marisqueo polo vertido de xurro

Redacción | 27 de agosto de 2019

Imaxe da ría de Ribadeo. Foto: Galipedia.
Imaxe da ría de Ribadeo. Foto: Galipedia.
Os 350.000 litros de xurro que, desde o domingo a mañá e con orixe na parroquia de Guiar (A Veiga, Asturies), foron dar ao río Eo e despois á ría de Ribadeo teñen consecuencias. Primeiro as autoridades desaconsellaron o baño na zona e agora o Goberno asturiano prohibe o marisqueo.

Ademais, a empresa pública Tragsa dispuxo barreiras pantalla entre o regato Ouría, onde sucedeu o vertido, e o río Eo. Os traballadores da compañía están tamén recollendo mostras e analizando se é necesario limpar as ribeiras. Desde a Xunta, a conselleira do Mar Rosa Quintana asegura que o Goberno galego “vixía" a evolución dos acontecementos.

Non obstante, a responsábel de Pesca expresou o seu convencemento de que “por agora, a sensación é que non vai afectar á beira galega. Se se detectase, por suposto prohibiriamos a extracción de bivalvos por contaminación”. Esta decisión xa a tomou o goberno asturiano.

Quintana lembrou que o vertido sucedeu “río arriba” e que o xurro posibelmente se disolva e “non se dificulten os labores de marisqueo”.

A alcaldesa de Trabada, Mayra García, por cuxo territorio pasa o río Eo, asegurou que, con todo, o subministro de auga no concello está garantido. Aínda que a contaminación chegou a lugares de baño do municipio, non afectou ao abastecemento. “A auga potábel está garantida”, insistiu.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/asturies-pecha-ria-ribadeo-ao-marisqueo-polo-vertido-xurro/20190827162150083437.html


© 2019 Sermos Galiza