Imprimir

Audiencia manda abrir instrución pola denuncia de torturas presentada por responsábel da CIG

A.V. | 22 de xuño de 2015

Pintos no momento da súa detención
Pintos no momento da súa detención

Audiencia Provincial emite un auto polo que, segundo o sindicato, dá á razón ao responsábel comarcal da CIG-Ferrol, López Pintos, e obriga ao xulgado a esgotar a instrución con respecto denuncia que presentou por tortura e malos tratos sufridos após a súa detención en 2012 nunha protesta no inicio da campaña electoral do PP . 

Xesús Anxo López Pintos, responsñabel comarcal da CIG-Ferrol, presentara en 2012 unha denuncia por un presunto delito de torturas contra un policía, ao que acusaba de golpealo en reiteradas ocasións, de ameazalo e de aldraxalo durante o tempo da súa detención e incomunicación na comisaría da cidade departamental. López Pintos fora detido no marco dunha protesta convocada polos Comités de Navantia e Poligal, coincidindo co acto de inicio da campaña electoral do PP ás autonómicas de 2012.

A Audiencia Provincial da Coruña vén agora de emitir un auto polo que, sinalan desde a central sindical nacionalista, dá a razón a Pintos e obriga ao xulgado a esgotar a instrución con respecto a esa denuncia. Para o responsábel da CIG, o auto é positivo polo que supón de “iniciar unha investigación”. O auto, sostén a CIG, deslexitima as pretensións do xulgado de instrución ferrolá de arquivar a denuncia de Pintos (sen esgotar todas as dilixencias e investigacións oportunas) e tomar unicamente en consideración a denuncia presentada pola policía contra do sindicalista por suposto delito de atentado, altercados públicos e delito electoral). Neste senso, no auto especifícase que “a insistencia da xuíza de instrución e do ministerio fiscal en manter separadas dúas actuacións que derivan dun mesmo inicio e na que hai unha coincidencia parcial dos implicados, rompéndose soamente por unha mera interrupción temporal, non pode ser aceptada”.

Naquel momento, a Fiscalía pediu penas de 2 anos e 9 meses de cadea, con inhabilitación especial para exercicio de dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena por un delito de atentado e falta de lesións; 20 días de multa, con 7€ diarios, e unha indemnización de 840€ por lesións a un axente de policía.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/audiencia-manda-abrir-instrucion-pola-denuncia-torturas-presentada-responsabel-da-cig/20150622205417038489.html


© 2019 Sermos Galiza