Imprimir

Ausencia de desexo

Erik Dobaño | 09 de outubro de 2019

O presidente da Xunta de Galiza, no debate desta cuarta. Abaixo: Gonzalo Caballero. [Imaxes: PP, PSOE]
O presidente da Xunta de Galiza, no debate desta cuarta. Abaixo: Gonzalo Caballero. [Imaxes: PP, PSOE]
Caballero volve patinar nun cara a cara con Feixoo na sesión de control ao Presidente desta cuarta feira. A oposición, en mans do BNG e do Grupo Común da Esquerda, esfórzase por poñer en evidencia o evidente: o país vai mal e irá peor. Mais Feixoo segue dominando a escena e os marcos do debate.  

“Felicidades. Que mágoa que isto non durase máis, así poderiamos seguir aprendendo”, espetoulle Feixoo a Gonzalo Caballero, meritorio de líder da oposición e profesor universitario que no terceiro round contra o presidente da Xunta elevou o ton, xesticulou retador e ofreceu unha clase de economía na que acabou por mesturar o Val dos Caídos con Alcoa para alborozo da bancada popular. “Non saben nada de economía”, criticou Caballero. E, aí, os populares escacharon de risa. Noutras bancadas contivéronse. “Felicidades...”, golpeou Feixoo. Terceiro asalto para o titular. 

Non saben nada de economía no goberno galego? Os feitos contradín o profesor. Feixoo e compañía si saben, e fan e desfán a gusto. Non ao gusto da socialdemocracia, que hai tempo que quedou sen alternativa mais segue impartindo leccións desde a cátedra. Non ao gusto da maioría das traballadoras e traballadores que hai tempo que veñen desaparecendo como actor político. A economía na que traballan Feixoo e compañía ten que ver co que un politólogo alemán chamou hai anos, medio en serio, “ausencia de desexo” (desexo de cambiar as cousas, o sistema, en fin), unha ausencia que padecen todo o PP e gran parte do progresismo.

Por iso é temerario ir o Parlamento dar leccións de economía en tempos de Alcoa, Barreras, Endesa, Ferroatlántica, Povisa, R e Vulcano. Porque Feixoo, no rego que marca a economía mundial, pode converterse un día en Houdini e tirar de solucións de chistera e outro manipular o sentido común para convencer galegas e galegos de que el defende Galiza mentres a oposición toda defende Pedro Sánchez, e que a defensa da Galiza equivale á defensa dos empregos na industria e que defender Pedro Sánchez é acabar cos empregos na industria. “Traballen connosco ou pásense ao grupo socialista”, convidou ao resto da cámara.

Caballero no debate desta cuarta feiraDiante dese marco que Feixoo instalou no Parlamento e pronto acabará trasladando á opinión pública, a oposición ten problemas. O primeiro, a propia transición socialista que xera inquedanza. Caballero segue buscando o ton e os argumentos. Mentres Feixoo divírtese con el: “vostede só fixo mitins e confunde o Parlamento cun mitin”.

Caballero non sabe como desmarcarse de Pedro Sánchez e dedícase a defendelo.

O resto dos grupos, isto é, o BNG e o Común da Esquerda, porque o Mixto non ten voz nesta sesión, elixiron a estratexia de negar Feixoo. Negar que sexa un presidente eficaz e dirixa un goberno eficaz. “O non-presidente”, resumiu Antón Sánchez falando en nome de Anova, Podemos e Esquerda Unida. “Un floreiro”, definiu Ana Pontón, a líder do Bloque, albo dos ataques máis feroces de Feixoo porque a Caballero necesítao ao borde do K.O. pero respirando. 

Negar Feixoo como presidente, culpalo dos “seis mil empregos en risco” no sector industrial, do “deserto industrial”, de “mirar para Madrid en vez de para Galiza”, de non ter valor “para ir a Vigo e dicirlle á cara ao persoal de Barreras que vostede salvou Barreras”, como fixo Ana Pontón esta cuarta feira na sesión de preguntas ao Presidente; ou acusalo do “desgoberno da Xunta”, “da eliminación de 22.000 empregos industriais en dez anos” e de non ter solucións “nin para o cambio climático nin para o futuro do emprego nas Pontes”, como fixo Antón Sánchez, pode servir para contestar as mentiras nos datos que (presuntamente) cola Feixoo en cada sesión de control porque a realidade (obviamente) di outra cousa. 

Mais por riba desas pequenas mentiras, Feixoo é quen de impor a gran mentira: el é Galiza, el é un traballador que defende traballadoras e traballadores diante dunha oposición que traballa para o goberno español e para unha globalización que van en contra do país e das e dos compatriotas. 

“O nacionalismo da Galiza debería estar xunto coa Xunta de Galiza defendendo os intereses da Galiza”, indicoulle Feixoo a Ana Pontón, que insistiu en poñer en evidencia a gran mentira: “se o que pasa na Galiza non ten nada que ver co que fai o seu presidente e o seu goberno, iso dá unha idea do irrelevantes que son”.        

Non se inmuta o non-presidente floreiro, encarnación política da ausencia de desexo. 
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/ausencia-de-desexo/20191009123736084973.html


© 2019 Sermos Galiza