Imprimir

Rosalía de Castro na beira do mar

Redacción | 02 de maio de 2019

Imaxe de 'Rosalía de Festa'.
Imaxe de 'Rosalía de Festa'.

“Si a vernos, Marica, nantronte viñeras / á festa do Seixo na beira do mar, / ti riras, Marica, cal nunca te riches / debaixo dos pinos do verde pinar”. Este cuarteto de Rosalía de Castro, de Cantares Gallegos (1863), é o xermolo de Rosalía de Festa, unha banda deseñada que explora a hipotética relación da poeta co Seixo, lugar de Mugardos.
 

Con texto da profesora Anxos García Fontes e debuxos de Carlos Sardiña, Rosalía de Festa é “unha viaxe ao Seixo do século XIX”. O traballo pertence ao proxecto Rosalía de Castro e a fábrica das mulleres, impulsado por Henrique Sanfiz, Jorge Miguel e Xan Carneiro, que procura afondar na relación da escritora co Golfo ártabro e Ferrolterra. Os promotores da idea sosteñen que o segundo verso de Si a vernos, Marica, nantronte viñeras refírese á romaría do Seixo na ría de Ferrol.

 

A banda deseñada presentarase esta sexta feira, 3 de maio, ás sete da tarde, na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega no Seixo. Ademais do cómic, proxectarase o vídeo en que as cativas e cativos do colexio de Franza (Mugardos) recitan poemas de Rosalía. Esta gravación tamén fai parte de Rosalía de Castro e a fábrica das mulleres, como a placa descuberta na antiga Fraga, a obra de teatro Rosalía na beira do mar ou a edición de A festa do Seixo na beira do mar: Rosalía e a fábrica.

 

Ao parecer, considera Sanfiz, o vínculo da poeta coa zona debeuse á súa amizade cos propietarios da fábrica téxtil do Seixo, onde chegaron a traballar un cento de persoas.

 

Na presentación de Rosalía de Festa participarán as autoras, a alcaldesa de Mugardos Pilar Díaz e o presidente da fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/banda-desenada-rosalia-castro-mugardos/20190502141139079008.html


© 2019 Sermos Galiza