Imprimir

O BNG alerta da posición “irresponsábel” do PSOE por poñer en risco gobernos alternativos ao PP

A. Mera | 14 de xuño de 2019

Executiva nacional do BNG
Executiva nacional do BNG

Moaña, Fene, Barreiros, Viana do Bolo, As Neves e Toques son concellos onde o BNG contaba con gobernar. Porén, a un día de constituírse os plenos, o PSdeG non asegura o seu apoio ao nacionalismo e pode facilitar ao PP esas alcaldías.

A menos de 24 horas para a constitución das corporacións municipais e a investidura de alcaldes e alcaldesas nos 313 municipios da Galiza, hai seis concellos onde o resultado das urnas deu a entender que habería alcaldía do BNG coa apoio do PSdeG dentro ou fóra do goberno; mais o que ficaba claro era que o PP non ía ter o bastón de mando.

A executiva nacional do BNG trasladou publicamente a súa preocupación pola posición do PSOE en determinados municipios

Porén, esta sexta feira 14 de xuño e a un só día de que se constitúan os concellos, a executiva nacional do BNG trasladou publicamente a súa preocupación pola posición do PSOE en determinados municipios do país, ao que acusa de estar a manter “unha posición que non garante a constitución dun goberno municipal alternativo ao PP, sendo o Bloque a opción política con maior apoio electoral que podería liderar esa alternativa en clave nacionalista e de esquerdas”, afirman desde a fronte.

En Moaña, Fene, Barreiros, Viana do Bolo, As Neves e Toques o BNG non ten confirmación da posición do PSdeG a favor da investidura

A dirección do Bloque, reunida na maña da sexta feira, citou como exemplos os concellos de Moaña, Fene, Barreiros, Viana do Bolo, As Neves e Toques onde as responsabilidades locais do BNG non teñen confirmación da posición do PSdeG a favor da investidura e “todo indica que a formación socialista abriría a porta a un executivo do PP”.

O BNG ratifica por medio do seu comunicado a súa “vontade de garantir gobernos alternativos ao PP”, e denuncian que esta alternativa “pode quedar no aire en concellos de moita importancia se o PSOE mantén unha posición irresponsábel”.

Desde a executiva nacional esixen ao PSOE que actúe para reconducir a situación e advirten de que a veciñanza non entendería que o partido de Sánchez dese o goberno ao PP cando podería gobernar o Bloque.

O BNG ratifica por medio do seu comunicado a súa “vontade de garantir gobernos alternativos ao PP”

En Moaña, o PSOE suspendeu as negociacións co BNG porque o nacionalismo defendeu que as concellarías de Urbanismo e Obras debían estar separadas para asegurar un cogoberno conxunto. O PSOE demandaba para sí esas dúas áreas nunha soa. A alcaldesa Leticia Santos escribiu esta tarde nas súas redes un novo chamamento en que afirma: “Lamento perder hoxe unha parte importante do meu equipo, agardo que non sexa unha perda definitiva e tendo a man ao diálogo e ao entendemento. Moaña escolleu que BNG e PSOE gobernaramos xuntas, como até o de agora, e sinto moito que este mandato das urnas non se vaia a dar”.

Santos engadiu que “pase o que pase mañá eu xa gañei porque esta experiencia á fronte do concello, o tempo compartido coas persoas que me acompañaron e os retos acadados, xa compensaron as miles de horas de dedicación, o esforzo, o sacrificio do tempo persoal restado á familia e ás amizades”.

En Viana do Bolo o BNG fíxose en 2015 coa alcaldía ao empatar co PP a 5 actas. O alcalde nacionalista Secundino Fernández integrou o único edil do PSdeG no goberno. Nas últimas eleccións o Bloque volveu empatar co PP a 4 edís, mentres o PSdeG medrou alcanzando 3 actas. 

O día 30 de maio Secundino Fernández xuntouse co PSdeG coa idea de acordar un reparto de goberno proporcional aos resultados das urnas, baseado en que a alcaldía recaese no Bloque, a tenencia de alcaldía no PSdeG e o programa de goberno fose consensuado. Porén, o PSdeG esixiu para alcanzar un acordo que tanto a alcaldía como a xunta de goberno e o programa fosen en solitario para cada partido durante dous anos. 

No Bloque non queren partir en dous o tempo do mandato e continuaron a defender a idea dun goberno conxunto argumentando que a vontade da veciñanza nas urnas foi na dirección de goberno de coalición encabezado pola forza máis votada.

O concello de Barreiros, na Mariña, non tivo outro alcalde que non for da dereita española (UCD e PP) desde a implantación do réxime de 1978. Sería agora a primeira vez que unha alcaldía de signo distinto gobernase Barreiros. As urnas do 26 de maio quitaron a maioría absoluta ao Partido Popular (pasou de 6 edís a 5) e déronlla á suma do BNG (5) co PSdeG (1).

Todo apuntaba a que Ana Ermida sería a primeira alcaldesa nacionalista de Barreiros, mais na reunión de negociación coa edil do PSdeG as conversas estancáronse e ficaron emprazadas a unha nova xuntanza para esta quinta feira. Ermida acudiu á xuntanza co programa do BNG para negociar, mais a concelleira do PSdeG María Carme Veiga, que acudiu con Mar Iglesias, secretaria de organización provincial do partido, expuxo o seu desexo de liderar a concellaría de Servizos Sociais e ter unha remuneración a modo de dedicación exclusiva. Até o de agora, a única a dedicación exclusiva existente no consistorio de Barreiros era a do alcalde popular.

Gumersindo Galego (PP) é o actual alcalde en funcións de Fene desde que o pasado 6 de abril de 2018 prosperase a moción de censura contra Juventino Trigo (BNG). A moción foi apoiada por Somos Fene (que estaba encadrada nas mareas) e coa abstención do PSdeG. As formacións que integraban o goberno local (BNG e Esquerda Unida) votaron en contra. 

A veciñanza de Fene castigou nas urnas do 26 de maio a moción de censura, baixando o PP unha acta (de 7 a 6) e desaparecendo do concello os membros de Somos Fene (nestas eleccións presentáronse baixo as siglas Compromiso por Galicia). Pola contra, o ex alcalde Juventino Trigo obtivo unha suba para o BNG de 2 actas, chegando ás 6 e ficando a só 100 votos de ser forza máis votada. O PSdeG tamén subiu unha acta, alcanzando as 4, e Esquerda Unida mantén 1. 

Así as cousas, o BNG tería de novo a alcaldía co apoio de Esquerda Unida pero é necesario contar co apoio do PSdeG desde fóra ou desde dentro do goberno. Este apoio non está aínda anunciado.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/bng-alerta-da-posicion-irresponsabel-do-psoe-poner-risco-gobernos-alternativos-ao-pp/20190614204333080842.html


© 2019 Sermos Galiza