Imprimir

BNG ve “inconcebíbel” que nun país excedentario en electricidade “estean en risco 400 empregos polo prezo da enerxía”

Redacción | 18 de outubro de 2018

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o candidato á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, mantiveron esta sexta feira unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa, ao que trasladaron o apoio total dos e das nacionalistas galegas. “Nin A Coruña, nin Galiza poden permitirse unha nova sangría no sector industrial, estamos falando de 400 postos de traballo, e non imos permitir que unha multinacional ou os intereses das eléctricas poñan en risco centos de empregos e o futuro do país”, salientou Pontón.

 

Pontón tamén dixo que a situación tiña solución se hai vontade política. “Depende da política que a factoría siga producindo e xerando emprego no país”, indicou, “por iso urxe que o Goberno da Xunta compareza no Parlamento para ter unha posición de país e mandarlle a mensaxe de que usaremos todos os mecanismos institucionais para evitar que peche”.

 

Pontón chamou a atención sobre o feito de que nun país exportador neto de electricidade podan perderse 400 postos de traballo polo custe enerxético. “É indignante que vivindo nunha Galiza que produce electricidade a esgalla teñamos a empresas en risco polo prezo da factura eléctrica e que iso se produza mentres vemos como Euskadi acaba de blindar a tarifa eléctrica vasca,  -euskopeaxe-, que lle permite as súas empresas aforrar 120 millóns de euros anuais e ser máis competitivas. Por iso é inconcibible que se siga vetando unha tarifa eléctrica galega que dea estabilidade a sectores estratéxicos”, argumentou.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/bng-considera-inconcebibel-nunha-galiza-excedentaria-electricidade-estean-risco-400-empregos-polo-prezo-da-enerxia/20181018160018072956.html


© 2019 Sermos Galiza