Imprimir

O BNG esixe ante a ONU a prohibición de oito fundación franquistas

Redacción | 07 de agosto de 2019

En primeira liña de esquerda a dereita, o portavoz do BNG na Coruña Francisco Jorquera, a súa colega en Europa Ana Miranda e o historiador Carlos Babío. Detrás, denunciados pola familia Franco a causa do seu actvismo pola memoria histórica. Ao fondo, a Casa Cornide da Coruña. Foto: BNG.
En primeira liña de esquerda a dereita, o portavoz do BNG na Coruña Francisco Jorquera, a súa colega en Europa Ana Miranda e o historiador Carlos Babío. Detrás, denunciados pola familia Franco a causa do seu actvismo pola memoria histórica. Ao fondo, a Casa Cornide da Coruña. Foto: BNG.
No Estado español existen oito fundacións que defenden a ditadura. Os seus nomes déixano claro: a Francisco Franco, a José Antonio Primo de Rivera, a Pro Infancia Queipo de Llano, a Blas Piñar, a Hijas de Millán Astray, a Ramiro Ledesma Ramos, a Serrano Suñer, e a Capitán Cortés. O BNG vén de esixir ante a ONU a súa prohibición.

Para iso, a portavoz en Europa da organización nacionalista, Ana Miranda, e mais o historiador Carlos Babío redactaron unha denuncia en que acusan ao Estado español de “vulnerar a normativa internacional de dereitos humanos”. “O feito de que existan oito fundacións franquistas e a imposibilidade de acceder a documentos estabelecida pola Lei de Memoria Histórica”, afirmou Miranda na presentación da iniciativa esta cuarta feira na Coruña, “levounos a presentar esta denuncia”.

O Parlamento Europeo, lembrou a nacionalista, aprobou unha Resolución contra o avance do neofascismo en Europa, da que ela mesma foi coautora. O documento “insta a prohibir as fundacións e asociación que fan apoloxía do fascismo e o nazismo porque son antidemocráticas e atentan contra a memoria das vítimas”. En setembro a ONU decidirá se acepta a demanda.

Cada catro anos a ONU presenta “un mecanismo denominado de revisión universal de dereitos humanos. Hai catro anos Nacións Unidas fixo unha serie de recomendacións entre as que figuraba o acceso á verdade e a facilitación institucional do mesmo. Porén, atopamos limitacións para acceder a documentos públicos e privados sobre o franquismo”. Á explicación de Miranda asentiu Carlos Babío, historiador que topou en máis dunha ocasión con estes límites.

A denuncia ante a ONU, explicou Ana Miranda, parte do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, do propio Babío e mais de Manuel Lorenzo. O texto da mesma recolle tamén a situación do inmoble, “probabelmente o símbolo máis identificábel co ditador xunto co Val dos Caídos”.

O propio Babío explicou esta cuarta feira como o Estado español prohibe o acceso aos fondos do franquismo coa escusa da Lei de Protección de Datos Persoais en oposición ao Regulamente de Protección de Datos. “Mais este indica que a protección de datos non poderá obstaculizar os estudos dos historiadores”, recordou.

 

“Os 19 de Meirás e os nove da Casa Cornide”
Con Miranda e Babío compareceu o portavoz municipal na Coruña do BNG, Francisco Jorquera. Fixo referencia ao xuízo a nove activistas acusados de faltas leves por participar nun acto simbólico na Casa Cornide da Coruña. “Aos 19 de Meirás súmanse agora os nove da Casa Cornide”, denunciou, “nun novo exemplo do mundo ao revés que se vive no Estado español, Cidadáns que loitan de xeito democrático e pacífico para denunciar a impunidade do franquismo sentan no banco dos acusados, mentres os Franco seguen actuando con impunidade”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/bng-esixe-onu-prohibicion-fundacion-franquistas/20190807163349082893.html


© 2019 Sermos Galiza