Imprimir

BNG pide “responsabilidade” ao PSdeG para garantir garantir gobernos municipais alternativos ao PP

Redacción | 08 de Xuño de 2019

Indica que casos como os de Barreiros, Fene ou Viana do Bolo, onde indica que xa houbo contactos entre socialistas e populares, “xeran incertidume e son un acto de irresponsabilidade”.

O BNG pide ao PSdeG que actúe con “responsabilidade” para garantir “gobernos municipais alternativos” naqueles concellos onde estes sexan posíbeis. É a apelación que a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, fixo aos socialistas após a xuntanza do Consello Nacional do BNG no que se analizou o escenario político post-26M.

Para a portavoz nacionalista,  casos como Barreiros, Fene ou Viana do Bolo, nos que  xa houbo contactos entre o PP e PSOE, xeran “incertidume e son un acto de irresponsabilidade por parte do PSdG”, trasladando unha mensaxe “moi decepcionante”  para veciñanza e votantes de opcións progresistas. O BNG garante o seu compromiso para evitar gobernos da dereita, dixo, mais aclarou que ten que existir “reciprocidade e altura de miras” por parte doutras forzas políticas

O 26M deixou para Pontón unha mensaxe clara, “os galegos e galegas apostaron por darlle máis peso ao nacionalismo nos gobernos municipais”. Dixo que o diálogo pode dar lugar a gobernos de coalición, en apoios á investidura, en apoios puntuais ou en facer oposición. “Todas as fórmulas son válidas e en todas nos sentimos cómodas”.

Na súa intervención, Ana Pontón anunciou que o BNG xa está traballando no “reto das eleccións galegas de 2020”. Neste sentido, avanzou que o BNG xa prepara un encontro  nacional de política municipal nos primeiro días de xullo e “unha grande mobilización social “o 25 de xullo, Día da Patria.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/bng-pide-responsabilidade-ao-psdeg-garantir-garantir-gobernos-municipais-alternativos-ao-pp/20190608150214080597.html


© 2019 Sermos Galiza