Imprimir

O BNG pide valentía ao Estado con Meirás e En Marea, que se persoe a Xunta no xuízo

Redacción | 11 de xullo de 2019

O Pazo de Meirás. Foto: cedida.
O Pazo de Meirás. Foto: cedida.

O Goberno central atendeu finalmente á mobilización social, das entidades en defensa da memoria histórica e dos partidos da oposición e presentou unha demanda nos Xulgados da Coruña para recuperar a propiedade pública do Pazo de Meirás. BNG e En Marea aplauden a decisión pero comprométense a vixiar os pasos do Executivo. Feixoo, no entanto, percibe dificultades para que a Xunta se sume á causa xudicial.

O deputado do Bloque Luís Bará, responsábel do proxecto de lei de memoria histórica da súa organización, esixiu “valentía” a Sánchez. “Cómpre manter a presión social e a política ante uns herdeiros do ditador que xa demostraron a capacidade que teñen para impoñer as súas teses”, dixo en referencia á familia Franco. Desde o grupo parlamentario de En Marea, Antón Sánchez quere ademais que a Xunta se persoe no procedemento xudicial.

“Ten que ser parte lexitimamente interesada por se a Administración que custodia o BIC [ben de interese cultural] e polo interese político de todos os galegos e galegas”, entende Sánchez, quen definiu o movemento do Goberno estatal como “un fito na loita dos colectivos da memoria e da sociedade civil, que levan moitos anos pelexando pola recuperación deste símbolo da ditadura e da represión”.

Bará, non obstante amosouse cauto e referiuse a que “non está todo logrado, depende do percorrido que a Xustiza lle dea á demanda. Convén estar alerta e que haxa unha gran mobilización social e unha gran demanda política para que a expectativa chegue a bo porto”. O BNG, sinalou, quere que o Executivo socialista “faga todas as modificación legais para que se recoñezan estes feitos como o que foron”: un espolio derivado da vitoria fascista na Guerra Civil.

O parlamentario nacionalista puxo ademais dous nomes propios sobre a mesa das contribucións a denunciar o roubo, o da ex vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín e o do historiador Carlos Babío, e mais o da Asociación da Coruña de Recuperación da Memoria Histórica e a Xunta pro Devolución.

 

Feixoo ve dificultades en que a Xunta faga parte do procedemento

O presidente da Xunta, porén, ve "dificultades de lexitimación" para que o Goberno galego se persoe no procedemento. Así o manifestou esta quinta feira, 11 de xullo, tras o Consello. Engadiu que, con todo, a asesoría xurídica estudará "se é posíbel ou non" facelo.  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/bng-pide-valentia-ao-estado-meiras-marea-persoe-xunta-xuizo/20190711142907081791.html


© 2019 Sermos Galiza