Imprimir

O BOE publica o indulto para Carlos e Serafín, unha medida que chega despois de seis anos

Redacción | 11 de Febreiro de 2019

A medida é oficial após ser publicada esta segunda feira no Boletín Oficial do Estado.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) desta segunda feira publica os dous real decretos polos que indulta Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores do transporte que foron condenados en 2011 a tres anos cada un por un delito contra os dereitos dos traballadores no marco das mobilizacións que tiveron lugar en 2008 cando o sector pelexaba por un convenio colectivo xusto. Oficialízase así o avanzado a finais da semana pasada por Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, que informaba da inminencia desa medida de gracia para estes dous operarios.

 

En 2013 Carlos e Serafín solicitaron o indulto ao goberno español, unha medida que hoxe, seis anos despois, chega finalmente. Carlos e Serafín non terán que entrar en prisión. O propio Parlamento de Galiza solicitou por unanimidade o indulto parcial dos sindicalistas para evitar que ingresasen en prisión

 

 O Xulgado do Penal de Vigo suspendeu a execución da pena imposta (tres anos de privación de liberdade) mentres se tramitaba e non se resolvía o expediente de solicitude de indulto. Porén, a Fiscalía opúxose no seu momento a que esta medida de graza lles fose aplicada  ao entender que as razóns argüídas, de carácter familias, persoal e laboral, non se axustaban a dereito. Así, o Ministerio Público exixía o cumprimento da pena o que abocaría os operarios a entrar na cadea. “Entrar na cadea fúndeche a vida, perdes o traballo. Non é unha brincadeira", recoñecía Serafín en 2014 nunha conversa con Sermos galiza.

 

Aso longo destes seis anos sucedéronse as mobilizacións e concentracións en apoio a estes dous traballadores, impulsadas polos sindicatos CIG, UXT e CCOO.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/boe-publica-indulto-carlos-serafin-medida-chega-anos-despois/20190211094217075955.html


© 2019 Sermos Galiza