Imprimir

Bueu reivindica os seus “gozosos 30”

Redacción | 12 de abril de 2019

Bueu
Bueu

O mes de abril revive o espírito dunha década na que a vila foi un fervedoiro artístico, social e político.

 

Maruja Mallo, Johan Carballeira, Torrente Ballester, Rómulo Gallegos, Federico Ribas… Pintoras, escritores, fotógrafos, galeguistas…. Os ventos de modernidade e apertura que na primeria metade da década dos 30 do seculo pasado sopraron en Bueu van ser reivindicados nesta vila ao longo deste mes de abril. Eis a finalidade do programa ‘Bueu, gozosos anos 30’, organizado pola Consellería de Cultura e que terá como ramo a publicación dun libro. Porque a iniciativa procura descubrir, divertir mais tamén divulgar. A proposta aposta en "recrear o ambiente de esplendor artístico e cultural que se viviu neses anos previos ao golpe de Estado do 1936".

 

O título de "Bueu, gozosos anos 30" é unha homenaxe á saga literaria Los gozos y las sombras de Torrente Ballester, o proxecto iniciarase con dúas exposición: unha de pintura do artista Xulio Formoso, quen realizou representacións de moitos destes persoeiros que visitaron Bueu neses anos 30 e que se poderá ver na Praza de Abastos do 8 ao 21 de abril. Outra, que será do 13 ao 30, é "Vento nas velas" do fotógrafo Xurxo Lobato. Neste caso, o grupo Diapente actuará na inauguración, que é sábado 13 ás 19 horas.

 

Segunda feira, 8 de abril, terá lugar no salón de plenos do Concello a charla sobre vestiario dos anos 30 da man de Carla Soage. Seguirá o programa o día 12 na Casa do Pobo de Beluso, coa historia de José Ferradás, preso no campo de concentración nazi de Mauthausen-Gusen.

 

A partir do 13 de abril comezarán diversas charlas. A primeira é "O Partido Galeguista en Bueu" e nela recuperarase a figura de Xosé María Estévez, un galeguista que mantivo sempre unha estreita relación con persoeiros ilustres como Bóveda, Castelao ou o mesmo Johan Carballeira. Previamente, ás 12 do mediodía, descubrirase a placa da rúa que leva o seu nome.

 

O 14 de abril terá lugar o coloquio "Luz antes da noite. Bueu 1936", no que participarán o xornalista e escritor Salvador Rodríguez, o investigador Arturo Sánchez Cidrás e o poeta Xaime Toxo. Presentado por Loli Docampo. "Cartafoles e novelas" será o título da conferencia que terá lugar o 15 e na que Loli Docampo e Antonio Álvarez Gil lembrarán a figura do escritor Gonzalo Torrente Ballester.

 

O 16, o protagonismo recaerá sobre Federico Ribas, José Suárez, Carlos Velo e Maruja Mallo. A charla, titulada "A mirada sobre o real", contará coa presenza de Carlos Bernárdez, Margarita Ledo, Xaime Toxo e Pepe Barro. Coincidindo co 82 aniversario do fusilamento de Johán Carballeira, o 17 de abril terá lugar a tradicional ofrenda floral xunto ao monumento da Banda do Río, un acto organizado pola Asociación de Amigos de Johán Carballeira.

 

O programa culminará na fin de semana do 19 ao 21 de abril cunha festa de época na Praza Massó na que se intentará recrear aqueles anos 30. Para este evento contarase coa colaboración da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), dependente da Universidade de Vigo.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/bueu-reivindica-seus-gozosos-30/20190412170319078092.html


© 2019 Sermos Galiza