Imprimir

Cameron lanza a idea de prohibir o whatsapp e a mensaxaría encriptada

H.V. | 13 de xaneiro de 2015

Cameron e Rajoy
Cameron e Rajoy

Os atentados de París están a causar xa os seus primeiros efeitos e albíscase unha ofensiva contra os dereitos e as liberdades pública na UE. Xa non é só que a dereita francesa clame por estender ao seu país a Patriot Act de Bush: agora Cameron faille as beiras á idea de prohibir whatsapp e demais sistemas de mensaxaría encriptadas.

 

Todos os gobernos europeus teñen neste momento sobre a mesa contrarreformas legais que estenderían os poderes dos Estados para controlar as comunicacións e para vixiaren a cidadás e cidadáns, o Grande Irmao a querer medrar após os brutais atentados de París. O eterno debate entre seguridade e liberdade está sobre a mesa. O 11 de Setembro está na mente de todos. Marcou un antes e un despois. Torturas (Guantánamo), execucións extra-xudiciais (Ben Laden), espionaxe masiva (a denunciada por Snowden, compañías como Microsoft, Google ou Apple a colaboraren na obtención de dados privados) foron fillos dunha paranoia securitaria que agora se reproduce na Unión Europea após o ataque á Charlie Hebdo e a unha loxa kosher, saldado con 20 mortes, entre as vítimas dos atentados e os asaltantes.

O debate na Franza lidérao a dereita, nas súas versións máis light ou heavy. Os moderados queren unha lexislación como a que aplicou Bush nos EUA. Os ultras, a aplicación da pena de morte.

A esta ofensiva únese agora o Reino Unido. A escasos 4 meses das lexislativas, e presionado no seu flanco direito polo UKIP (Partido pola Independencia do Reino Unido), o líder dos tories, David Cameron, colocou esta terza feira a hipótese da prohibición de whatsapp e demais sistemas de mensaxaría encriptadas. A ese respeito, o primeiro ministro británico perguntouse enfático: "No noso país, queremos permitir meios de comunicación entre persoas que mesmo en situacións extremas, coa asinatura e a garantía do secretario de estado non podemos ler?".

Custa traballo pensar que algunha organización armada fose utilizar este tipo de sistema de mensaxaría para a súa comunicación interna

É certo que nos últimos meses Whatsapp sofisticou muito o seu sistema de seguranza, após ter trascendido que era moi doado hackealo, e, portanto, neste momento a súa decodificación ten un certo grao de complexidade técnica. Mais, con todo, custa traballo pensar que algunha organización armada fose utilizar este tipo de sistema de mensaxaría para a súa comunicación interna (sendo que é obvio que os servizos de intelixencia non piden permiso aos xuíces para monitorizaren os smartphones ou calquer tipo de dispositivo electrónico).

Fontes próximas a Downing Street afirman que unha eventual prohibición do Whatsapp podería atinxir tamén a Telegram, iMessage o FaceTime, sistemas que tamén teñen a súa comunicación encriptada.

Mentres tanto, no Estado español, o Partido Popular negocia o apoio do grupo parlamentar socialista ao endurecimento da lexislación antiterrorista.

Co calendario eleitoral tamén aberto no Estado, o PP quer xogar a baza da man dura contra o terrorismo para tentar mobilizar o seu eleitorado. Entre as distintas propostas que baralla, e que até o de agora non contan co respaldo do primeiro partido da oposición, figuraría a persecución penal daquelas persoas que con carácter habitual frecuentasen a visita de webs creadas para realizar proselitismo da jihad.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/cameron-lanza-idea-prohibir-whatsupp-sistemas-mensaxeria-encriptada/20150113202818034022.html


© 2019 Sermos Galiza