Imprimir

Os cantos de arrolos das avoas para durmir de novo as crianzas

Sermos Galiza | 21 de decembro de 2014

Ilustración de Mariana Cabassa
Ilustración de Mariana Cabassa

“Durme ben, durme, meu rolo/ que n´hai berce coma o colo/ durme, meu rolo”. Non hai berce coma o colo (Kalandraka) recolle quince cantos de berce, de arrolos ou anainas que a tradición nos transmite. 

 

Son cantos tenros, doces, que buscan traer o sono das criaturas recén nacidas e se cantan paseniño, a media voz, ao pé do bebé que se arrola no colo. Fronte aos métodos bruscos para durmir os bebés que se resumen en deixalos no berce até que o cansazo venza, modelo que se impuxo nos últimos anos, Non hai berce coma o colo reivindica a maneira oposta de achegarse ao sono. Con agarimo, con música doce e o contacto físico da nai ou o pai nun colo gustoso no que os ollos se van pechando de vagar, con suavidade, ao son das poéticas letras e as agarimosas melodías. “O propio título é unha declaración de intencións. Vivimos nun tempo no que todo se fai a correr, a educación e a crianza dos rapaces tamén. Somos o único animal mamífero que deixamos sós aos nenos no berce para que durman. Topar cunha copla popular que che di que non, que reivindica o colo é unha marabilla”, comenta Paulo Nogueira, un dos autores do proxecto canda Magoia Bodega, membros tamén do seu equipo musical.  

“O propio título é unha declaración de intencións. Vivimos nun tempo no que todo se fai a correr, a educación e a crianza dos rapaces tamén", di Paulo Nogueira

A idea naceu hai tempo, cando dirixiron e produciron dous traballos arredor da tradición musical para as crianzas. O Quiquiriqui e Pelo Gato 24 ofrecían cun amplo grupo de músicos e músicas cantigas destinadas á cativada tomadas da tradición. Naquelas recollidas ían aparecendo anainas que Magoia e Paulo apartaban, agardando o momento de dar a luz un produto como este Non hai berce coma un colo no que se recollen quince deliciosas cantares de arrolo recollidos en Ribeira de Piquín ou Cuñas, en Bande, Verín ou Domaio. 

“Cando aparecían eses cantos descubriamos que eran xoias melódicas, un material carismático que transmite dozura”, explica Paulo Nogueira, dunhas cancións que están nos principais cancioneiros galegos, algúns recollidos hai ben máis de cen anos. “Melodicamente son uns cantares con moita variedade e, ao tempo, non teñen patrón fixo, son moi especiais, cunha lírica que comunica agarimos. Trátase das primeiras palabras, os primeiros versos e xoias melódicas”, comenta ao tempo que aproveita para gabar a “riqueza musical do país que queda a proba nesta colección de cantos”. 

Sonia Lebedynski, Mini Rivas e Merchi Rodríguez (de Leilía) póñenlle voz aos cantos de berce.

 A maioría das quince anainas están inéditas e, na idea, é recuperalas para o uso diario, para que nas casas se volva a arrolar co canto das avoas, paseniño e con agarimo. Estes cantos de berce, noutrora abondosos e hoxe case inexistentes, transmitían as palabras primeiras. Palabras que completaban o universo sonoro co amor vertido sobre a criatura”, afirma Mini, unha das voces do traballo, no prólogo de Non hai berce coma o colo no que se pregunta: “Podemos aínda recuperar o calor da pel contra a pel? E a garganta amiga que transmite tranquilidade e sosego?”. 

Sonia Lebedynski, Mini Rivas e Merchi Rodríguez (de Leilía) póñenlle voz aos cantos de berce. A Interpretación musical vén da man de Pancho Álvarez, Navia Rivas, César Longa, Begoña Riobó, Segundo Grandío e tamén de Magoia Bodega e Paulo Nogueira, que asumen a dirección do proxecto. “Buscabamos a esencia, melodías moi núas, sen moito arranxo, ás veces, mesmo interpretadas a capela por iso as voces son fundamentais, tímbricas amantes, con moita dozura”, comenta Paulo Nogueira, feliz do resultado do proxecto musical que se completa coas ilustracións de Mariona Cabassa que poñen imaxe aos arrolos, eses primeiros cantos que perduran e se transmiten. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/cantos-arrolos-das-avoas-durmir-novo-crianzas/20141220094428033497.html


© 2019 Sermos Galiza