Imprimir

Outro capítulo da serie sobre Venezuela

Duarte Correa | Profesor e sindicalista.

Sermos Galiza | 03 de abril de 2017

Nos pasados días asistimos a outro capítulo da serie de ataques perpetrados pola maioría dos gobernos occidentais contra o lexítimo goberno de Venezuela, desta vez o tema era un suposto auto golpe de estado dado polo presidente Nicolás Maduro, dándosenos a entender que empregaba como arma ao Tribunal Supremo de Xustiza que por medio de dúas sentenzas asumía as competencias da Asemblea Nacional venezolana mentres se mantivera a situación de desacato e non retirara a condición de deputados de tres opositores que foron electos de xeito irregular.

Curiosamente foi unha petición do suposto golpista a que levou ao Tribunal Supremo a mudar a súa decisión ao tempo que facía un chamamento a retomar o diálogo entre goberno e oposición.

O acontecido nestes últimos días en Venezuela e a ampla repercusión mediática non son outra cousa que novos movementos no taboleiro de xadrez venezolano, nunha partida na que participan moitos actores que por pura lóxica non deberían ser máis que espectadores pois estamos falando dun estado soberano que, gústenos ou non, conta con poderes, pesos e contrapesos suficientes como para darlle unha estabilidade institucional; sempre e cando remate a inxerencia externa de quen botan de menos os tempos do punto fixismo co reparto do goberno no turnismo de AD e COPEI, cos masacres, as desaparicións, a censura e a venda do país aos intereses da oligarquía e do imperialismo norteamericano.

Foi unha petición do suposto golpista a que levou ao Tribunal Supremo a mudar a súa decisión ao tempo

Curiosamente todos os que botan as mans á cabeza e falan de golpismo agachan que a Asemblea Nacional encóntrase en situación de desacato ao Tribunal Supremo de Xustiza desde o 5 de xaneiro de 2016, ou que a presenza deses tres deputados electos de xeito irregular garante á oposición unha maioría parlamentar que lle dá posibilidade de derrogar leis orgánicas ou impedir a modificación da Lei de Hidrocarburos, o cerne deste novo capítulo. 

En Venezuela hai moitos problemas, contradicións e algunhas actuacións que desde o meu punto de vista son contrarias ao que di defender a revolución bolivariana, pero calquera que observe con atención e sen orelleiras o que acontece comprobará como temos en marcha unha nova campaña perfectamente deseñada para crear sensación de inestabilidade e de desgoberno.

Diante dos seus propios problemas na aplicación dos acordos contidos no proceso de paz en Colombia o goberno Santos dedicouse nas últimas semanas a enmascarar esas dificultades botando tinta de lura ao acusar o exército venezolano de instalarse en territorio colombiano de xeito ilegal.

No que levamos de ano intensifícase a campaña internacional de apoio a Leopoldo López con participación de institucións e organizacións políticas de diversos estados, destacando personalidades do estado español.

A Organización de Estados Americanos encabezada polo seu secretario xeral, o uruguaio Luis Almagro, volve valorar a posibilidade de aplicar a Venezuela a Carta Democrática abrindo un camiño que podería levar á súa expulsión, sendo o propio Almagro quen fala de auto golpe de estado e chama a “recuperar a democracia en Venezuela”.

E mentres os medios de comunicación desta banda do Atlántico dan a entender que o sabemos case todo sobre esa Venezuela “corrupta e ditatorial” o resto do continente americano semella ser un verxel no que reinan a paz e a harmonía.

Por iso hai un manto de silencio sobre as decenas de milleiros de persoas desaparecidas no democrático México, onde no último mes foron asasinados tres xornalistas sen que apenas transcendera.

Hai un manto de silencio sobre as decenas de milleiros de persoas desaparecidas no democrático México

Por iso non sae en primeira páxina que quen deron un golpe de estado institucional no Brasil, contra o goberno lexítimo de Dilma Roussef, están desmontando as conquistas sociais e laborais conseguidas na etapa iniciada con Lula.

Por iso nos presentan como un simple acto de vandalismo o asalto ao Parlamento do Paraguai.

Por iso non se lle dá demasiada importancia ao que pasa en Colombia, onde cada semana son asasinados dirixentes sociais, sindicais e da esquerda comprometida co proceso de paz.

Hai poucos días víamos como inminente un novo período de enfrontamento violento nas rúas de Venezuela entre partidarios da revolución bolivariana e da oposición, semella que a situación amainou e debemos alegrarnos diso; pero non esquezamos que a oposición botou leña ao lume desde o primeiro momento e foi Maduro quen deu pasos para rebaixar a tensión.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/duarte-correa/capitulo-da-serie-venezuela/20170403103656056279.html


© 2019 Sermos Galiza