Imprimir

Capítulo V. Logopeda na escola? Non, é mestra de Audición e Linguaxe

Cristina Fernández Barros | Logopeda

Sermos Galiza | 08 de agosto de 2019

Todas as logopedas vivimos nalgún momento a situación na que unha familia chega para que se lle dea atención logopédica e os pais refiren: queremos dar un apoio extra ao que fai “a logopeda do cole”. É entón cando a logopeda lles explica que nos centro escolares non existe esa figura, senón a de AL (Audición e Linguaxe).

Chégase a esta situación porque moitas persoas que teñen crianzas en idade escolar, saben que reciben atención nos centros escolares para mellorar a linguaxe dunha figura que entenden é unha logopeda. Mais a figura que se ocupa de traballar no ámbito escolar coas crianzas que teñen dificultades de linguaxe e aprendizaxe, é a mestra con mención en Audición e Linguaxe (AL).

Se se extrapolase a outras profesionais, non sería o mesmo unha masaxista que unha fisioterapeuta, unha ebanista que unha carpinteira, unha nutricionista ou unha endocrina… Facer esa diferenciación é unha cuestión de responsabilidade e valor das profesións, trátase de que cada profesión merece o seu recoñecemento dentro das súas competencias e de reivindicar o papel de cada unha no seu ámbito.

Para ser mestra/e en AL, debe cursarse a carreira universitaria de maxisterio para despois facer a mención de audición e linguaxe; antes era unha especialidade que xa podía cursarse como “Maxisterio en Audición e Linguaxe” que mudou a unha nova fórmula cos cambios producidos nas leis educativas e europeas das titulacións universitarias. Pola contra, para rematar sendo logopeda, existe unha titulación específica, non adscrita a ningunha outra, o “Grao en Logopedia”, antes “Diplomatura en Logopedia” e retrocedendo máis no tempo, cun curso de especialización en patoloxía da linguaxe. As materias cursadas nun e outro caso contan con diferenzas sustanciais tanto en canto a diagnóstico de patoloxías como en intervención. Delimítase desta forma que se xa os estudos son diferentes, as competencias han de selo.

Ademais, debemos ter en conta que no acceso ao traballo, unha logopeda, tras rematar os seus estudos, debe colexiarse para exercer a profesión e pode acceder a prazas públicas sanitarias pero non pode presentarse a un proceso de selección por oposición a nivel educativo, a non ser que teña maxisterio ou pedagoxía. Desta forma, o acceso a un centro escolar como profesión queda asumido pola figura da mestra en audición e linguaxe, unha titulación relacionada con educación. Da mesma forma, en sanidade, non podería ter acceso a figura de mestra en Audición e Linguaxe a un proceso de selección por oposición.

Despois de moito tempo de reivindicación dende o noso colectivo, neste mes de xullo, vimos de coñecer unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Mérida, na que se delimita a diferenza entre estas dúas profesionais, indicando que a logopeda e a mestra en audición e linguaxe son dúas profesións diferentes que se ocupan ademais de áreas diferentes.

Dita sentenza nace dunha denuncia contra o Servizo Extremeño de Promoción da Autonomía e Atención á Dependencia por denegarlle o servizo de logopedia da Consellería de Sanidade a un neno con necesidades especiais. Refire que as responsabilidades da mestra en audición e linguaxe pasan por levar a cabo funcións curriculares e docentes destinadas ao aprendizaxe académico mentres que a logopeda, é a profesional encargada de valorar e intervir sobre patoloxías relacionadas coa función da linguaxe, da comunicación ou da voz, entre outras; máis relacionadas co ámbito social e sanitario.

É un fito relevante para a nosa profesión, dende o punto de vista da visualización e diferenciación con profesións que comparten poboación atendida. Pero precisamente porque atendemos á mesma poboación, logopedas e AL somos complementarias. A diferenciación que se reivindica dende a logopedia, non debe interpretarse como un agravio contra as AL nin implicar unha enemistade entre os colectivos xa que, dende o meu punto de vista, debemos traballar e colaborar para que a evolución das crianzas sexa o máis favorable posible, buscando a multidisciplinariedade ou interdisciplinariedade na atención integral a crianzas con calquera tipo de patoloxía. Así, o traballo que faga a AL repercutirá positivamente no da logopeda e o da logopeda, no da AL. Pódese dicir que no fondo, estamos “condenadas a entendernos” polo que non se debe desmerecer nin dinamitar o traballo das demais profesionais que teñan contacto coas crianzas, se non valorar o que aporta ao noso traballo o que se fai noutros ámbitos. Cada unha co seu nome e no seu ámbito pero complementándonos, o traballo feito terá mellores resultados!

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/cristina-fernandez-barros/capitulo-v-logopeda-escola-non-mestra/20190802084314082718.html


© 2019 Sermos Galiza