Imprimir

Cara María Pilar

Suso De Toro | Escritor

Sermos Galiza | 07 de outubro de 2019

Cara María Pilar,

primeiro de nada, obrigado pola túa atención ás ideas que expuxen na prensa catalá pois en escribindo unha “carta aberta” abres un diálogo e do diálogo, dea lugar ou non a unha síntese, sempre sae cousa boa.

Entendo que, basicamente, reclámasme que cando escriba sobre as existencias nacionais baixo este estado faga divulgación ou máis abundante da existencia da nación galega. É cousa que xa me teñen sinalado anteriormente por escribir na prensa española en castelán e pode que deba precisar o meu criterio ao respecto. Concretamente en prensa catalá escribín non hai moito dun modo moi específico nun artigo, “La boira gallega” probábelmente non concordes con todo ou con parte do que aí explico, é natural, mais podes ver que, se mo demandan ou se vexo a conveniencia puntual, aproveito o espazo que me permiten fóra do meu país para mostras a nosa existencia histórica. Levo feito isto anos nalgunhas cabeceiras españolas mentres mo permitiron.

É longo de explicar por que escribo en prensa catalá, finalmente porque mo demandaron de alí, e se publiquei e publico aínda ás veces en prensa española en castelán é porque o Reino de España é unha realidade política que me veu imposta e que non debo ignorar. O senso de publicar opinión que non trate de literatura, artes ou a mesma vida cotiá, que é o que me prace, venme dunha obriga moral de defender a liberdade onde é preciso. Nesta altura da historia o lugar onde está unha verdadeira fronte pola liberdade baixo este estado é en Catalunya, alí están a defender do mellor modo que imaxino a súa liberdade e tamén as liberdades para as demais persoas que por aquí habitamos. Eis en última instancia o por que me vexa eu implicado dalgún xeito na loita cívica catalá por ver de serlles útil. (Aínda que abondaría simplemente a simpatía e o agradecemento que sempre lle tiven a esa Catalunya que me aprendeu tantas cousas).

Porén non penso que nin a sociedade catalá nin ninguén nos vaia solucionar a nós cousa ningunha. Coido que a posición desde a que hai que estar na vida é a de que a vida hai que gañala, hai que merecela. Parte dese merecer é, primeiramente, ter solidariedade con quen se ve impedido de valerse por si propio e axudar, mais unha vida plena é a que un gaña para si. Así o entendo eu e por iso, aínda que agradezo a solidariedade que chegue, nós tivémola cando o “Prestige”, debe ser a sociedade galega quen debe gañar a súa vida, se quere vivir e non morrer. Por iso non me preocupa tanto o que pensen da nosa existencia, aínda que non o descoide completamente, e por iso me preocupa que os galegos si comprendan que precisamos ser unha nación soberana, dona do seu destino. Aos demais non lles preocupan nada as nosas dificultades, quizais unha leve curiosidade, e a nosa existencia nacional non se xoga fóra de aquí senón na capacidade que teñamos nós de empoderarnos como cidadáns e cidadás con dignidade e que situemos parte da nosa dignidade persoal na identificación comunitaria cos demáis concidadáns e concidadás. Para min iso é a nación, cidadanía descolonizada, informada e libre.

E se eu ollo ao meu redor vexo pouco, moi pouco, diso. Vexo que o meu país ten unha única forza política propia no noso parlamento, o BNG, unha forza en minoría rodeada de partidos de dirección madrileña que reproducen aquí as estratexias dese estado centralista, que son parte dos mecanismos de dominación e que no seu sucursalismo reproducen esa mesma estrutura centralista de La Puerta del Sol. Vexo que o meu país nin sequera é capaz a enviar unha representación propia ao parlamento madrileño. Vexo tanto desleixo e tanta incapacidade para reaxer ás afrentas e para autogobernarnos. Eu non podo ver, xaora, unha nación galega ao meu redor.

Cousa ben distinta é que as persoas demócratas e informadas que coñecen os mecanismos do dominio existentes imaxinemos unha nación capaz, moderna e libre que permita aos habitantes desenvolver os seus plans de vida e que poda acoller mesmo a quen o precise. Estou a falar xusto do contrario do existente ao meu redor. Defendo o dereito e a pertinencia da nación galega e republicana, mais se dixese que existe enganaría. Quen expresamos públicamente opinión temos obrigas éticas e cada quen interprétaas de distinto modo, no meu caso entendo que o meu rol debe de ser sinalar as nosas faltas ao meu país. Outras persoas incidirán máis en levantar a imaxe dese soño nacional galego e lembrar as nosas loitas pasadas. Son actitudes distintas.

De modo que si defendo e explico que a Galiza existe, mais non existe a nación galega polos motivos que lles expliquei aos lectores dese xornal catalán nesoutro artigo citado.

Non vexo contradición entre os teus esforzos por difundir a nosa existencia e a miña posición, son actitudes distintas mais non contrarias. E acho que complementarias.

Apertas fraternais, pois as nosas ansias e preocupacións veñen do mesmo lugar, desa ferida que nos alimenta e da rebeldía liberadora. Saúde e república! Galega, naturalmente.   

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/suso-de-toro/cara-maria-pilar/20191006132258084843.html


© 2019 Sermos Galiza