Imprimir

As carencias da xustiza contra a violencia machista

Daniel Salgado | 25 de novembro de 2018

Xulgados de Vigo.
Xulgados de Vigo.

A violencia contra as mulleres ocupa unha parte cada vez máis ampla do debate público. E, porén, a lexislación non acaba de funcionar. As carencias materiais dificultan o desenvolvemento de pactos e normas ao respecto. Os xulgados especializados, só dous na Galiza, non dan feito. Algunhas voces esixen iren máis alá e piden unha “despatriarcalización da xustiza”. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 323 de Sermos Galiza.

Hai un dado ben expresivo. Ofréceo a xuíza Paz Filgueira, durante sete anos empregada no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo. Entre este e o da Coruña, os dous únicos especializados na materia na Galiza, atenden unha poboación de case 700.000 persoas. Porén, acaparan a metade das denuncias do país. A outra metade corresponde a áreas onde viven dous millóns de habitantes. A fenda é obvia.

 

“Resulta inverosímil. O que está claro é que se hai xulgados especializados, facilítase que emerxan as agresións contra as mulleres”, explica Filgueira a Sermos Galiza. Esta especialización implica, ademais, que os axentes da Policía ou a Garda Civil asignados sexan persoal con coñecementos axeitados para afrontar a violencia machista. Mais non chega a todo o territorio.

 

1A Paz Filgueira, desde hai dous meses maxistrada no Xulgado de Familia de Vigo, preocúpalle esta fractura entre o urbano e o non urbano no que atinxe á atención xudicial á violencia contra a muller. “A situación nas cidades é diferente ao rural, onde o acceso aos recursos é máis complicado”, afirma, “as circunstancias socioeconómicas e culturais tamén difiren”. A independencia económica das mulleres -“por poñer o exemplo das explotacións agrarias, en 2016 só 13 estaban a nome dunha muller; como marchas así da casa?”- ou os atrancos de denunciar nunha vila pequena son algunhas problemáticas específicas ás que se enfrontan as agredidas máis alá do ámbito urbano. 

 

A falta de medios materiais é a principal eiva coa que lida o tratamento xudicial da violencia machista. Implica a mencionada escaseza de xulgados especializados, mais tamén o incumprimento xeral do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, asinado en 2017 polos grupos parlamentarios do Congreso, os gobernos autónomos e a Federación Española de Municipios e Provincias. “Prodúceme un pouco de tristeza estar sempre a repetir o mesmo, que se cumpran as leis”, considera Carme Adán, ex secretaria xeral de Igualdade do Goberno bipartito e que está a piques de publicar o ensaio Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión (Galaxia, 2018). Adán insiste na necesidade de formación das e dos profesionais da xustiza.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 323 de Sermos Galiza. Á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/carencias-da-xustiza-violencia-machista/20181121172852073900.html


© 2019 Sermos Galiza