Imprimir

Cartas dende o esquenzo

Xoán Carlos Domínguez Alberte | Profesor de ensino público e escritor

Sermos Galiza | 05 de Outubro de 2018

"Unha das sensacións máis frustrantes en calquera proceso de comunicación lingüística dáse cando non conseguimos sintonizar adecuadamente con quen temos en fronte, cando non atopamos as palabras que nos cómpren para expresar unha idea, sentimento ou vontade ou cando cremos que as palabras son correctas mais a outra persoa non as interpreta do mesmo xeito ca nós”. Con esta precisa introdución iníciase unha tese de doutoramento presentada, baixo o título de Linguaxe e demencia, este mesmo ano na Universidade de Vigo.

 

E, en reciprocidade, concretan o xa dito as verbas empregadas por Baldo Ramos —no semanario Sermos Galiza— para explicar a estrutura medular do seu poemario Cartas dende o esquenzo, que din así: “Un pai que vive no rural dese Ourense esquecido, abandonado, e que se dirixe ao seu fillo, a quen xa non recoñece. A pé de páxina, a súa filla fala con el e co seu irmán nun intento por evitar a desaparición. Pero non hai diálogo. Cada voz avanza en paralelo, nun dobre monólogo co que se crea un espazo de empatía que se converte no único espazo posible de comunicación para quen vive unha experiencia deste tipo”.

 

A esa dimensión vocabular evasiva apunta asemade a cita de Antonio Gamoneda que abre o libro: “Así/es el olvido: recuerdo/deshabitado”. Na paisaxe despoboada da linguaxe nada doe máis que o tacto xeneroso. A escrita afonda nun gran baleiro: “reescribir a ausencia/para que a raíz sexa máis profunda”. Galerías de cegueira que atravesan a agonía dos corpos que se amaron.

 

Porén, do texto, como valiosa mensaxe de fondo, agroma unha proveitosa lección de futuro e resistencia, xa evidente cando a voz poética manifesta: “aprendo a descifrar os códigos da desaparición”.

 

No angustioso labirinto da escuridade, no que “o coágulo do amencer abriu camiño/nas arterias do alzhéimer”, goberna, de xeito reiterado, a importancia da calidez dos afectos —“todas as palabras se descifran co tacto”—, ao tempo que se confirma que “non hai promesa máis cruel que a fidelidade” coas propias raíces.

 

Inmersos no territorio “Onde se dilúe o tempo e só queda o amor que xa non doe”, é o propio poema o que certifica que “Avanzar en paralelo une máis que compartir a retirada”.

 

A utilidade do abrigo do verso serve para combater o illamento: “Escribo para estar máis preto da túa ausencia”. E outórgalle unha nova función á linguaxe: “traspasar a soleira obríganos a inventar un novo código”. Que, ademais de mitigar a soidade, encara a desmemoria: “ser o que o tempo nos obriga a esquecer”.

 

Este é, logo, o trazo —máis humano e á vez propedéutico— do quefacer poético deste autor. Porque o espazo da certeza do tacto e do contacto anula, na caligrafía poética, a implacábel erosión provocada polo discorrer do tempo: “Amarte foi o único xeito de protexer a túa debilidade”.

 

En 2006 tiven a sorte de coordinar con Baldo Ramos a publicación colectiva Volverlles a palabra, composta en homenaxe aos represaliados do franquismo. Desta obra son os versos que seguen, que constitúen un continuum da súa creación artística, aplicábeis, xa que logo, á materia tratada no libro que se comenta, incluído na colección Dombate da Editorial Galaxia: “habemos comprender cando saibamos descifrar/a escura transparencia desta luz que cristaliza/nas terras arraianas da amencida”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xoan-carlos-dominguez-alberte/cartas-dende-esquenzo/20181001104825072505.html


© 2019 Sermos Galiza