Imprimir

Carvalho Calero protagoniza o outono editorial de Laiovento

Redacción | 06 de setembro de 2019

Carvalho Calero, en 1957. Foto: Real Academia Galega.
Carvalho Calero, en 1957. Foto: Real Academia Galega.
O indiscutíbel protagonista da reentrada literaria en Laiovento será Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Compostela, 1990). O escritor e profesor ao que a Real Academia Galega dedicará o Día das Letras o ano que vén centra catro dos títulos, en realidade reedicións revisadas, programados pola editorial para este outono.

En Elucidacións na sombra, orixinal de 2010, Manuel Castelao (Compostela, 1956) analiza A sombra de Orfeu e Auto do prisioneiro, dúas pezas dramáticas de Carvalho para “incardinalas no non ben estimado folgo teatral do autor” e, de paso, pescudar “nos problemas crónicos do teatro galego”. Tamén de 2010 data Ricardo Carvalho Calero: A ciencia ao servizo da nación, ao coidado de Pilar García Negro (Lugo, 1953).

“Esta edición de textos -homenaxe no centenario do seu nacemento- recolle unha pequena antoloxía significativa do traballo do maior e mellor polígrafo da súa xeración”, escribe García Negro, “con achegas fundamentais para o estudo das nosas letras, tanto polo seu rigor canto pola súa vixencia”. A Vida e obra do ferrolán ocupa a José-Martinho Monteiro Santalha (Cerdido, 1947), quen revisa e acrecenta a súa biografía interpretativa publicada por vez primeira en 1993.

Voz e silencio saíu por primeira vez en Edicións do Cumio en 1991. Agora recupéraa revisada Laiovento. Trátase dunha longa entrevista con Carvalho a cargo do poeta e investigador Francisco Salinas Portugal (Bande, 1955).

O ensaio é un dos campos en que Laiovento mantén un maior compromiso de publicacións. Ademais das obras arredor de Carvalho Calero, este trimestre tamén dará espazo ás Irmandiñas, da historiadora Aurora Marco (Teruel, 1948), un monográfico sobre mulleres militantes das Irmandades da Fala. E da man de Julio I. González Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz, unha edición do Entremés galego ao feliz e real parto da nosa Raíña (1707), escrito por Salvador Francisco Roel.

Máis alá do ensaio
No apartado narrativo, Rexina Vega (Vigo, 1966) sacará a versión orixinal galega de Ninguén dorme, un relato brutal, contundente, sobre o corpo e os seus límites. Música para os días de inverno, de Pablo Nogueira Campo, é o outro título do xénero para este trimestre. Á última das coleccións aberta por Laiovento, a de poesía Ventoalto en 2016, incorporarase un veterano cuxos primeiros libros fixeron parte do canon da chamada Xeración dos 80: Manuel Forcadela (Tomiño, 1958). Fábula de aves supón a súa primeira obra poética en papel do autor desde Música de cinza (2008).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/carvalho-calero-protagoniza-outono-editorial-laiovento/20190905172448083772.html


© 2019 Sermos Galiza