Imprimir

Cataluña. Xustiza ou vinganza?

André Abeledo Fernández | Concelleiro de EU en Narón

Sermos Galiza | 19 de novembro de 2017

Non se poden engaiolar as ideas, nunha democracia non pode haber presos políticos, a xustiza non pode estar ao servizo dun Goberno. Aínda menos cando os corruptos están na rúa, e o fascismo campa as súas anchas por todo o Estado español.

 

A suposta democracia tivo co encarceramento do representantes da vontade popular en Cataluña, do Goberno catalán,  o seu parte de defunción. Agora a indignación debe dar paso á lexítima protesta. Son tempos de rebeldía. O encadeamento do Goberno catalán fede a ditadura e tamén a chapuza. A Cataluña néganlle o dereito a decidir. E á Xustiza néganlle a súa necesaria independencia.

 

Din que en España todos somos iguais ante a lei, pero algúns son máis iguais que outros, a Xustiza vai por clases. A Xustiza en España non é lenta, é interesada, corre cando a deixan. E cando interesa vai con cadeas. Seguimos en branco e negro. O xefe das Forzas Armadas advirte de que "a historia demostra" que o Exército sabe "defender a Nación". Pero que nación?, dende cando os intereses da oligarquía son os intereses da maioría?, da clase traballadora. 

 

O xefe das Forzas Armadas advirte de que "a historia demostra" que o Exército sabe "defender a Nación". Pero que nación?

 

En canto ao proceso en Cataluña temos que facernos unha pregunta, quere facerse Xustiza ou é simplemente vinganza? O PP sinala que os políticos independentistas encarcerados "estaban advertidos" e que "o que a fai a paga”.  O ex parlamentario Diego López Garrido -que redactou o delito de rebelión no Código Penal de 1995 e incluíu unha emenda explícita para que a rebelión tivera que ser "violenta"- asegura que non hai encaixe penal por rebelión contra os cargos do Govern ao non ter habido violencia.

 

En Bélxica o xuíz que debía decidir se deixaba en liberdade ou se lles aplicaba prisión preventiva como medida cautelar a Puigdemont e os consellers, decidiu deixalos en liberdade. Se cadra sexa porque en Bélxica a Xustiza non fai política. 

 

Veremos agora se nos medios ao servizo do Goberno agora Bélxica non é a nova Venezuela. 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/andre-abeledo-fernandez/cataluna-xustiza-vinganza/20171112202759063275.html


© 2019 Sermos Galiza