Imprimir

Catalunya volve a vivir unha Diada masiva a prol da independencia

Redacción | 11 de setembro de 2016

Diada 2016 en Barcelona (Foto: Josep Maria Montaner / Naciódigital.cat)
Diada 2016 en Barcelona (Foto: Josep Maria Montaner / Naciódigital.cat)

O movemento independentista lanzou unha mensaxe multitudinaria para avanzar na folla de ruta cara a República catalá. Os organizadores chamaron a desobedecer e desacatar se o Estado español trata de impedirlles que saquen as urnas á rúa. 

 

 

O independentismo catalán deu este domingo unha nova mostra de forza cunha celebración multitudinaria da Diada que, por quinto ano consecutivo, encheu as rúas do país a prol da independencia. Unha Diada que se celebrou por primeira vez de forma simultánea en cinco cidades e que contou tamén por primeira vez coa presenza do presidente da Generalitat. Centos de miles de persoas –875.000 segundo cifras da Guarda Urbana– participaron das concentracións en Barcelona, Salt, Berga, Lleida e Tarragona baixo o lema "A punt" para simbolizar o camiño por percorrer cara a República catalá.

A Diada chega nun momento decisivo para o movemento independentista que lanzou unha mensaxe masiva a prol de avanzar na folla de ruta do procés e despexou as dúbidas xeradas nos días previos sobre o grao de participación. Unha mobilización que para os organizadores, a Assemblea Nacional Catalana (ANC) e o Òmnium Cultural, volve a demostrar o peso das súas reivindicacións fronte a quen considera o clamor popular pola autodeterminación como un fenómeno pasaxeiro. 

"Non dubidedes nin un momento en poñer as urnas”, sinalou o presidente da ANC.

O presidente da ANC, Jordi Sànchez i Picanyol, chamou á desobediencia en caso de que o Estado español reaccione inhabilitando cargos públicos. "Non dubidedes nin un momento en poñer as urnas”. Sánchez i Picanyol recordou que, malia as diferenzas ideolóxicas entre os participantes da Diada, se manteñen unidos “pola vontade insubornable de andar cara a liberdade”.

“É o momento de facer piña, de ir todos xuntos ao lado dunha mesma resposta: a resposta do 'si' á República catalá. Detrás dese 'si' xogámonola todos, todos unidos para ganar a convocatoria nas urnas”, salientou en relación o referendo o presidente do Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, durante a manifestación en Barcelona. 

Desacatar o Tribunal Constitucional 

Nos actos da Diada tamén estiveron presentes, entre outros, o ex presidente da Generalitat Artur Mas, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, e a presidenta do Parlament, Carme Forcadell. A esta última dirixíronse tanto Sànchez i Picanyol como Cuixart para pedirlle firmeza ante as amezas do Estado español e que desacate unha posible inhabilitación por parte do Tribunal Constitucional.

“Sen loita non hai conquista, pero isto non o para nin Deus”, exclamou o voceiro do Òmnium Cultural, que asegurou que sacarán as urnas á rúa cantas veces sexa preciso porque “a República gánase nas urnas e constrúese na rúa”. 

O independentismo catalán pasou unha nova proba con éxito, a poucos días da moción de confianza contra o presidente Puigdemont. Así, as sondaxes reflicten unha tendencia crecente no apoio ao independentismo, segundo o último barómetro do Centre d’Estudis d’Opinió, mentres se mantén a incerteza sobre a gobernabilidade do Estado español. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/catalunya-vive-nova-diada-masiva-prol-da-independencia/20160911211221050932.html


© 2019 Sermos Galiza