Imprimir

Cegoñas con identidade galega

H. Pena | 31 de agosto de 2019

[Imaxe: XM Rivas] Cegoñas en Melide.
[Imaxe: XM Rivas] Cegoñas en Melide.
Pese a ter os seus bastións en Estremadura ou na Meseta española, organizacións como a Sociedade Galega de Ornitoloxía ou a Asociación Numenius teñen documentada a presenza de cegoñas en territorio galego desde os anos 50. Após un intenso declive que levou a incluíla na lista de especies ameazadas, as axudas á protección, os cambios socioambientais, a recuperación de humidais e a proliferación de vertedoiros fixeron que recuperasen poboación. Eis un extracto da información publicada no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza.

m3_8_CegonhasPolas grandes zonas de veigas da cunca do Miño‑Sil, a Terra Cha e A Limia, pero cada vez máis tamén na comarca do Deza, na de Betanzos ou na de Bergantiños, entre outras, resulta habitual atoparse cun paxaro carnívoro de gran tamaño –pode chegar a superar o metro de longo do pico ás patas e os dous de punta a punta das ás– máis asociado aos tons pardos da Meseta castelá que ao verde das fragas galegas. Non obstante, á Ciconia ciconia, coñecida vulgarmente como cegoña branca ou cegoña ibérica, as terras da Galiza non lle son novas.

Como explica Óscar Rivas, presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía e membro da Asociación para o estudo e a conservación da biodiversidade Numenius, “a cegoña non é unha especie allea que nunca estivese aquí, por tanto, a súa presenza é unha recuperación, non unha introdución. Temos dados seus desde os anos 50, 60 ou 70, pero como non hai rexistros non podemos saber as magnitudes desas poboacións”.

O seu declive produciuse nos anos 70, chegando a desaparecer case por completo en territorio galego e portugués e reducíndose radicalmente o seu número tamén no Estado español. As razóns fundamentais foron o deterioro e desecamento de zonas húmidas, a tala de árbores e cambios e transformacións agrícolas como a concentración parcelaria, sen esquecer outras accións humanas como o asasinato a comezos dos 90 da última parella de cegoñas que aniñou na zona de Salvaterra en máis de quince anos.

A especie tocou fondo a mediados dos anos 80, cando se constatou que apenas quedaban un par de parellas en toda Galiza. Porén, e segundo dados do IV Censo Internacional sobre a cegoña branca elaborado por SEO/Birdlife en 2004 –o vindeiro terá lugar en 2024 e o previsto para 2014 non se realizou por falta de fondos–, a súa poboación incrementouse en máis dun 800%, acadando a cifra de 256 parellas na Galiza, case todas distribuídas polo interior.

[Podes ler a información íntegra no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/cegonas-identidade-galega/20190828134942083458.html


© 2019 Sermos Galiza