Imprimir

Celebrar a poesía á intemperie de Xela Arias

Redacción | 13 de agosto de 2019

A poeta Xela Arias. Foto: AELG.
A poeta Xela Arias. Foto: AELG.
Apenas catro libros publicados entre 1986 e 2003 e dous inéditos compoñen a obra completa de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), espida e radical, tensa e singular. Abondo para que sexa influínte e reivindicada polas novas promocións de escritoras. As agrupadas na plataforma de crítica feminista A Sega celébrana este 15 de agosto en Vigo: é o Día das Galegas nas Letras.

Os actos comezarán ás doce da mañá no parque do Castro cun Roteiro imaxinario (ou non) pola vida da autora de Intempériome (2003) a cargo da escritora Susana Aríns. Á unha decorrerá a lectura do sexto Día das Galegas nas Letras, seguido da sesión vermú con Dúas Gamberras e un Micro.

De tarde, será outra poeta, Arancha Nogueira, quen recite, acompañada pola música de Sanny. Cristal Méndez Queizán (ás catro e media) e Silvia Penas (ás seis) completarán o programa poético. Polo medio, máis música: ás cinco as Pandeireteiras de Verducido, ás cinco e media a regueifa musicada de Alba María e Queco, e ás seis e media, como ramo da xornada, Laura LaMontagne e Mai.

Haberá ademais un “obradoiro de camisolas” que servirá para que a poeta Nuria Vil estampe prendas con versos de Xela Arias, cuxa Poesía reunida publicou Xerais o pasado ano en edición de María Xosé Nogueira.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/celebrar-poesia-intemperie-xela-arias/20190813133646083072.html


© 2019 Sermos Galiza